Skip to main content
A asociación de saúde mental A Mariña presenta un cambio na súa estrutura organizativa coa fin de reforzar cada servizo, creando novos mandos intermedios que coordinarán especificamente a atención en cada un dos dispositivos que ten a entidade. Para iso, a asociación conta con profesionais con ampla experiencia na saúde mental e moi comprometidos tanto coa misión e visión da entidade como con cada un dos seus valores.
 
María José Nóvoa, directora técnica xeral da asociación A Mariña, indica que para ela “é un orgullo seguir liderando un equipo de profesionais de alta capacitación profesional e persoal, involucrado sempre no servicio ó colectivo”. A todos eles agradécelle, ademais, o esforzo demostrado durante estes últimos meses de pandemia, sinalando que “a súa profesionalidade levounos a vivir esta situación dende a empatía, o compromiso, o entusiasmo e o sorriso permanente, estando ao servizo dos usuarios e as súas familias coma sempre o fixeron e, ao mesmo tempo, como nunca”, valora.
Este cambio organizacional suporá unha oportunidade de crecemento persoal e profesional para os novos responsables dos dispositivos, os cales estiveron formándose e preparándose para a ocasión durante os últimos meses. Os novos responsables asumen este reto con ilusión e compromiso para seguir garantindo a mellor atención ás persoas usuarias e ás familias.
Estas melloras favorecerán, ademais, unha maior proximidade e coordinación de cada centro, posto que están espallados por distintas zonas da comarca mariñá. A Mariña conta actualmente con dous Centros de Rehabilitación Psicosocial e Laboral en Burela e en Ribadeo, unha Unidade Residencial en Cervo, un servizo de pisos tutelados en Burela e unha vivenda protexida para mulleres vítimas de violencia de xénero con enfermidade mental.
Esta nova etapa da asociación vén acompañada doutros dous acontecementos importantes para A Mariña. Por unha banda, o 1 de decembro asinouse co Sergas un novo concerto de prazas, o cal permite seguir dispoñendo do financiamento necesario para manter un total de 75 prazas nos seus centros.
 
Por outra banda, ese mesmo día, a asociación estreou a súa nova páxina web www.adaoemam.es, a cal conta con información actualizada e de utilidade sobre A Mariña e permite amosar con transparencia o traballo que realiza a entidade. A presentación deste novo espazo web é unha aposta pola comunicación externa e por tratar de chegar a cada vez máis xente que poida beneficiarse dos servizos da asociación.