“A nosa Champions” é unha iniciativa integradora de responsabilidade social creada por Saúde Mental FEAFES Galicia e organizada pola Real Federación Galega de Fútbol a través da Fundación do Fútbol Galego. Esta mañá, foi presentada no estadio Vero Boquete por Rafael Louzán, presidente da RFGF, Pablo Prieto, responsable de fútbol sala da RFGF; e Xosé Ramón Girón, presidente de Saúde Mental FEAFES Galicia.
“A nosa Champions” é unha liga de fútbol sala coa que se pretende marcarlle goles aos prexuízos para eliminar o estigma que rodea ás persoas con problemas de saúde mental. O fútbol exerce así, como outras veces, de ferramenta de normalización e visibilización.
Con esta competición, na que participarán os equipos de fútbol pertencentes ás asociacións galegas de saúde mental, preténdese fomentar hábitos de vida saudable e promover a práctica habitual dunha actividade deportiva. Ademais, este tipo de iniciativas propician o encontro entre os seus participantes favorecendo así as súas relacións e habilidades sociais.
Na primeira edición de “A nosa Champions” tomarán parte oito equipos divididos en dous grupos, Norte e Sur. En total disputaranse seis xornadas e o campión de cada grupo xogará a gran final, a cal a está prevista para a primeira quincena de xullo do próximo ano.
Tras a presentación da iniciativa, as persoas asistentes ao acto, que pertencen aos equipos de balompé das asociacións DOA, Lenda, Alba e FEAFES Santiago, tiveron a oportunidade de realizar unha visita á exposición da Historia do Fútbol na Delegación de Santiago de Compostela.