A Organización Mundial para a Saúde ven de presentar o primeiro estudio que analiza a situación do suicidio dende unha perspectiva global, incluíndo datos de 172 países entre os anos 2000 e 2012. O resultado é revelador: cada 40 segundos suicídase unha persoa no mundo, o que supón unhas 800.000 persoas ó ano e unha media de 11,4 por cada 100.000 habitantes.
Á vista dos resultados deste estudo, a OMS lanza unha advertencia: “Este informe é unha chamada á acción para facer fronte a un gran problema de saúde pública que foi envolto nun tabú durante demasiado tempo. Desafortunadamente, o suicidio con frecuencia non é unha prioridade para as políticas de saúde pública, e a pesar do incremento en investigación e coñecemento sobre este problema e a súa prevención, o estigma impide a moitos cidadáns pedir axuda e, cando o fan, moitos non a atopan nos sistemas de saúde. Sen embargo, os suicidios se poden previr”, explicou Margaret Chan, directora xeral da organización.
As diferenzas entre as taxas de suicidio duns países e outros débense non só a razóns culturais, senón tamén a causas como a educación ou o acceso á sanidade. España conta cunha taxa de 5,1 suicidios por cada 100.000 habitantes, fronte ás taxas máis altas rexistradas en Guyana, as dúas Coreas, leste de África, India, Xapón e Rusia (con ata 44 suicidios por cada 100.000 habitantes) e as máis baixas pertencentes ó norte de África, Arabia Saudí, Indonesia e México (con taxas por debaixo de 5).
En España prodúcense uns 10 suicidios diarios. Por cada morte hai entre 10 e 20 tentativas de suicidio. Segundo os últimos datos rexistrados polo INE, 3.539 persoas morreron por suicidio en 2012, 2.724 homes e 815 mulleres. Sen embargo, a percepción que se ten sobre este feito é que é un problema moito menor que o dos accidentes de tráfico, que acabaron coa vida de 1.915 persoas en 2012 e de 1.128 en 2013.
A OMS indica que tan só 28 países teñen plans coordinados para reducir estas taxas, e España non se atopa entre eles. “A nivel nacional só hai un plan enfocado a presos. O resto son iniciativas parciais de comunidades autónomas ou municipios ou intervencións oi parciais en terreos moi concretos, especialmente sanitarios. Pero os plans parciais non bastan, fai falta unha actuación coordinada en moitos ámbitos”, asegura José Luis Ayuso Mateos, director do Centro Colaborador da OMS para Docencia e Investigación en Servizos de Saúde Mental.
A OMS tamén recomenda ós países que reduzan no posible o acceso ós medios máis empregados polos suicidas, como as armas de lume. Así mesmo, tamén indica que non parece que a crise económica afectase á taxa de suicidios. Concretamente, en España baixou un 20,3% no período 2000-2012, unha tendencia decrecente grazas, sobre todo, a que cada vez hai máis acceso ós servizos de saúde mental e a poboación está máis sensibilizada e disposta a pedir axuda ante unha depresión. Aínda así, queda moito por facer para que as cifras de suicidio deixen de ser alarmantes e que as persoas nesta situación reciban o apoio necesario para saír dela.