Con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, que se celebra o 25 de novembro, a Rede Estatal de Mulleres de SALUD MENTAL ESPAÑA quixo reclamar a importancia de visibilizar o impacto da pandemia na violencia que sofren as mulleres con problemas de saúde mental. Por cuarto ano consecutivo, a Confederación desenvolve a campaña #NosotrasSíContamos, que conta coa colaboración do Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030.
Representantes da Rede Estatal de Mulleres de SALUD MENTAL ESPAÑA puxeron de manifesto a necesidade de lanzar luz sobre os efectos que a chegada da COVID-19 e as súas consecuencias a todos os niveis (social, económico, persoal, etc.) puideron ter sobre a violencia exercida contras as mulleres con trastorno mental. Reclamaron, ademais, a recompilación de datos que fagan posible coñecer cal é a situación actual destas mulleres, de forma que se poidan tomar as medidas máis adecuadas para eliminar a violencia que sofren.
Lurdes Da Costa, representante da Rede Estatal de Mulleres, explica que moitas mulleres con discapacidade psicosocial “sufriron ou están a sufrir malos tratos psicolóxicos, físicos e, nalgunhas ocasións, violacións por parte da súa parella”. Denuncia que algunhas destas mulleres viven situacións de “intentos de suicidio e ingresos involuntarios, tendo que volver co seu maltratador ao seu fogar. Moitas non se atreven a denunciar”.
María Isabel García Peña, integrante da área para a Igualdade das Mulleres de FEDEAFES e da Rede Estatal de Mulleres, opina que “en moitos casos, a falta de recursos para facilitar a independencia das mulleres con problemas de saúde mental, por exemplo, apoios a nivel domiciliario ou laboral” fai que “a violencia se incrementase durante a pandemia”.
Segundo afirma Juana Gandiaga, quen tamén forma parte desta Rede, “as mulleres nesa situación non só sofren polo medo e o acoso que lles poden causar as súas parellas -mesmo a morte-“ senón porque, en momentos así, “agrávanselles” os seus problemas de saúde mental. “Coa atención médica do momento da pandemia, era aínda máis complicado”, engade Gandiana.
A Rede Estatal de Mulleres denuncia ademais a falta de credibilidade que sofren as mulleres con trastorno mental. Elena Iglesias, representante da Rede, manifesta que “ás mulleres con discapacidade non nos crían xa antes polo feito de ter unha discapacidade” e afirma que, coa chegada da pandemia, “o estigma foi maior”. “A nosa palabra, independentemente de ter ou non estudos, de ser doutra cor, da clase social, e de ser máis capaces ou menos capaces, ten que valer igual”, asevera.
A campaña #NosotrasSíContamos denuncia cada 25 de novembro a violencia e os abusos que sofren as mulleres con problemas de saúde mental. O risco que teñen estas mulleres de sufrir violencia machista multiplícase entre 2 e 4 veces respecto ás mulleres en xeral. O 80% das mulleres con problemas de saúde mental que viven en parella sufriron algún tipo de violencia por parte de dita parella, máis da metade sufriu violencia física, e máis do 40% foi vítima de violencia sexual ao longo da súa vida. Cando se dan estas violencias, o 42% recoñece non identificalas como tales e, ás que que si as recoñecen e denúncianas, non se lles dá credibilidade debido ao seu trastorno mental.