Skip to main content
A proclamación do Día Mundial da Saúde Mental, que se celebra o 10 de outubro, tivo lugar o martes 9 no Congreso dos Deputados nun acto presidido pola súa Maxestade a Raíña Dona Letizia. En 2018, o Día Mundial está dedicado á mocidade e conmemórase baixo o lema ‘Educación inclusiva, saúde mental positiva’. O obxectivo deste ano é facer fincapé en que unha educación que aposte polos valores e que traballe a diversidade e a inclusión, pode beneficiar a saúde mental das xeracións futuras.
A Raíña Letizia afirmou no seu discurso que “cada vida é diferente” e que “non todo o mundo puido desenvolverse na seguridade e na confianza necesarias para unha boa saúde mental”, polo que pediu “compromiso todos os días do ano para promover accións non só na escola, senón tamén na contorna laboral”. “O respecto, a  empatía, a inclusión e a plena autonomía son conceptos que deben permear o noso sistema educativo en todos os seus niveis”, recalcou.
Pola súa banda, a presidenta do Congreso dos Deputados, Ana Pastor, e a ministra de Sanidade, Consumo e Benestar Social, María Luisa Carcedo, coincidiron na necesidade dunha educación inclusiva, un ambiente familiar positivo e unha contorna social e institucional que promova o benestar emocional. A ministra, ademais, sinalou que o Goberno levará a cabo medidas neste ámbito como parte do seu compromiso con quen ten este tipo de trastornos.
O momento máis emotivo da mañá produciuse cando o actor Damián Alcolea, autor do libro ‘Tocados’, contou a súa experiencia persoal co Trastorno Obsesivo Compulsivo (TOC) que sofre desde a súa adolescencia e co que puxo a toda a sala en pé.
“O meu testemuño non é un testemuño de superación. O TOC segue presente no meu día a día, só que grazas a anos e anos de terapia e de traballo persoal agora o vivo con aceptación. E é precisamente de aceptación do primeiro que quero falar: é primordial que cambiemos o enfoque que temos cara ao malestar psíquico e nos centremos en aceptar esa parte de nós mesmos e o desafío que supón como pacientes e como sociedade. Isto é o que nos fai poderosos”, declarou Alcolea, quen aproveitou para pedir tanto a quen ten algún tipo de trastorno como a quen o mira ou o escoita, “aceptación e fraternidade”.
Nesta liña, o deseñador de moda e influencer Pelayo Díaz tamén convidou aos mozos para “aceptarse tal e como son” e, sobre todo, a facer “un bo uso e un uso inclusivo das redes sociais”, que se crearon para conectar ás persoas e non para fomentar a soidade.