Skip to main content
Novas

A SD Compostela recibe do Concello o trofeo do partido solidario deste sábado

By 26 de Decembro de 2012Novembro 13th, 2022No Comments

EntregaTrofeo.jpg

O presidente da SD Compostela, Antonio Quinteiro, os membros do comité organizador dos actos do 50º aniversario, Ramón Castro e Suso Míguez, e os representantes das sete asociacións participantes no encontro solidario (COGAMI, Down Compostela, Feafes, Xuntos Podemos, Fundación Andrea, Fundación Sarela e Proxecto Home) recolleron esta mañá no Concello o trofeo do partido benéfico deste sábado.

O alcalde da cidade, Anxo Currás, entregou o galardón á directiva do club. Unha copa que irá destinada ao gañador do encontro que disputará a SD Compostela contra un combinado de xogadores galegos co obxecto de recadar fondos para as entidades benéficas participantes (sábado, 29 decembro, 16.30 horas en San Lázaro). “Espero que este trofeo se quede en Santiago e pase a formar parte da colección de premios do club branquiazul”, sinalou Currás.
“Animo a todos os santiagueses a que asistan a esta cita solidaria, para festexar os 50 anos dun dos clubs máis representativos da cidade e, ao mesmo tempo, contribuír coa nosa axuda ao importante labor que desempeña cada unha das asociacións”, engadiu o máximo dirixente de Santiago.

As entradas para este partido xa están á venda en diversos establecementos da cidade (consultar aquí ) e nas oficinas da SD Compostela en San Lázaro. O prezo marcado é de cinco euros. Ademais abriuse unha fila cero co número de conta 2080 0300 88 3040 152961 para que se poidan sumar achegas.

Ao final desta semana darase a coñecer a lista de xogadores, pertencentes ás categorías de fútbol nacional, dende Primeira a Terceira División, que formarán o combinado galego que dirixirá Fernando Vázquez.