Skip to main content
Novas

A Secretaria Xeral de Igualdade visita FEAFES Galicia

By 18 de Xuño de 2014Novembro 13th, 2022No Comments

O mércores 18 de xuño ás 12:00, a Secretaria Xeral de Igualdade, Susana López Abella, visitará as instalacións da Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia, FEAFES, situadas na Rúa de Belgrado nº1.

López Abella poderá coñecer de primeira man cómo se desenvolve o traballo de FEAFES Galicia no seu día a día a través dunha visita que realizará polas instalacións da entidade. A continuación, a Secretaria Xeral reunirase con varios representantes de FEAFES Galicia entre os que estarán o Presidente, Xosé Ramón Girón, o Director, Antonio Hernández, e a Coordinadora do Servizo de Emprego, Carina Fernández. Ademais, contaremos coa presenza de Susana Barbazán, unha usuaria participante no “Programa de atención integral a mulleres con enfermidade mental” que contará a súa experiencia.

Xosé Ramón Girón exporá ante a Secretaria Xeral a situación da entidade e a realidade da enfermidade mental en Galicia, que afecta actualmente a máis de 41.500 persoas. A continuación, Carina Fernández presentará as actividades realizadas e os resultados obtidos a través do “Programa de atención integral a mulleres con enfermidade mental” que leva a cabo FEAFES Galicia. Finalmente, será a usuaria Susana Barbazán quen falará en primeira persoa das experiencias adquiridas grazas á súa participación neste programa e exporá as principais inquedanzas do colectivo de mulleres con enfermidade mental.

As persoas con enfermidade mental cargan con grandes lacras na súa vida diaria: unha concepción negativa e estigmatizada por parte da sociedade, grandes dificultades para a inserción social e laboral e insuficientes recursos na atención á saúde mental. Dentro deste colectivo, as mulleres están se cadra máis desprotexidas xa que sofren unha tripla discriminación: por ser mulleres, por ter unha discapacidade e por padecer unha enfermidade mental. 

A través do “Programa de atención integral a mulleres con enfermidade mental”, FEAFES Galicia facilita información e asesoramento a mulleres con enfermidade mental, realiza accións formativas, atende urxencias e traballa coordinadamente con outros recursos.   

Grazas a este programa, o ano pasado un total de 25 mulleres con enfermidade mental lograron mellorar a súa calidade de vida, aumentaron a súa autonomía, lograron unha maior adherencia ó tratamento, adquiriron unha maior consciencia da enfermidade, recuperaron as súas habilidades cognitivas e melloraron as súas habilidades sociais. Ademais destas beneficiarias directas, ata 67 persoas entre familiares, coidadores e profesionais beneficiáronse tamén deste programa.  

OBJ4144500_1--644x353--644x353.JPG