Skip to main content
Novas

A secretaria xeral de Politica Social visita Feafes Galicia

By 23 de Xullo de 2013Novembro 13th, 2022No Comments

visita_coropineiro 044.jpg

A secretaria  xeral de Política Social da Xunta de Galicia, Coro Piñeiro, visitou Feafes Galicia o 24 de xullo. A representante da administración autonómica estivo na sede central da federación a partir das 10 da mañá. Neste encontro coñeceu as instalacións da entidade situadas en Rúa Belgrado, nº1, e mantivo unha reunión coa dirección e o presidente.

Nese encontro tratáronse as posibles colaboracións entre as dúas partes e futuras liñas de traballo para mellorar a atención ás persoas con enfermidade mental.  Piñeiro destacou a aposta da Xunta polas persoas con enfermidade mental e, neste senso, avanzou que a carteira de servizos sociais, que aprobará proximamente o Goberno galego, inclúe por primeira vez na Comunidade autónoma recursos específicos para este colectivo, como un servizo de axuda a domicilio, así como servizos diúrnos, nocturnos e de atención ocupacional. “Todas estas prestacións estarán orientadas á normalización e integración social destas persoas”, apuntou a secretaria xeral.

Así mesmo, Piñeiro fixo fincapé na Estratexia para a prevención e detección precoz da dependencia que está a levar a cabo o Goberno galego. Este documento marca a folla de ruta das políticas de prevención e promoción da autonomía persoal en Galicia durante os próximos 7 anos. Esta ferramenta recolle preto de 400 medidas encamiñadas a minimizar ou retrasar a aparición ou agravamento de situacións de dependencia en persoas afectadas por enfermidades ou trastornos que a xeran.

“No marco desta Estratexia seguiremos a potenciar a posta en marcha de experiencias piloto dirixidas a favorecer a autonomía persoal e mellorar a calidade de vida das persoas con dependencia”, sinalou.