Do 29 de outubro ao 25 de novembro Eroski colabora co noso “Proxecto Mara” de apoio integral a mulleres cun problema de saúde mental a través da súa campaña “Céntimos Solidarios”

Durante este mes, cada vez que fagas a túa compra en Eroski poderás colaborar con proxectos de atención a persoas con problemas de saúde mental. A campaña “Céntimos Solidarios” apoia as iniciativas de Fundación ANAR, a Confederación SALUD MENTAL España e Saúde Mental FEAFES Galicia.

Nas compras que fagas desde o 29 de outubro ata o 25 de novembro, agás os días 13, 14 e 15 de novembro pola recollida de alimentos, poderás indicar no datáfono que queres facer unha doazón. Marcando o “si” estarás colaborando co noso “Proxecto Mara”.

En que consiste o “Proxecto Mara”?

Esta iniciativa está dirixida a mulleres cun problema de saúde mental e orientada a mellorar a súa calidade de vida, fomentar a súa autonomía persoal e promover a súa inclusión social e comunitaria. Mediante un enfoque centrado na persoa e con perspectiva de xénero, deseñamos itinerarios de intervención personalizados que responden as necesidades específicas de cada muller participante.

Facémolo a través de sesións de traballo individuais e grupais. Nestas sesións ofrecemos apoio, orientación, asesoramento e formación en diferentes áreas clave. Entre elas, psicoeducación en saúde mental, apoio sociocomunitario para participar na contorna e crear redes de apoio, empregabilidade e inserción laboral.

A próxima vez que fagas a túa compra en Eroski, lembra que poderás contribuír á mellora da calidade de vida das mulleres participantes no “Proxecto Mara”.

Grazas pola túa colaboración!

Máis info da campaña “Centimos Solidarios” de novembro aquí

Share