Skip to main content
No marco do Día Internacional para a Erradicación da Pobreza, a Valedora do Pobo, Milagros Otero, xunto aos máximos responsables da Rede Galega contra a Pobreza (EAPN Galicia), CERMI Galicia e a Coordinadora Galega de ONGD, presentaron os principais retos na loita contra a pobreza e a exclusión social no último ano da lexislatura nun acto celebrado o 16 de outubro.
Baixo o lema “As persoas primeiro: Non abondan as palabras. Queremos compromisos!”, Yosehanna Ledesma, Luis Giménez e Ruth Casas, presentaron o Manifesto realizado coas conclusións dos Encontros de Cidadanía Inclusiva e Participación de persoas en situación de pobreza celebrados en Compostela, Barcelona e Garda.
Ademais expuxéronse as principais conclusións do informe “O estado da pobreza 2015” elaborado por EAPN-España, que amosa un empeoramento xeneralizado da situación social en todo o Estado dende o ano 2009. A día de hoxe, o 29,2% da poboación española vive en risco de pobreza e/ou exclusión social, ocupando o segundo posto en toda a UE en pobreza infantil e desigualdade. 
En canto á situación en Galicia, o presidente de EAPN-Galicia, Antonio Hernández, lembrou os datos de risco de pobreza de 2014, que se sitúan no 15,4% da poboación, e a cifra de risco de pobreza ou exclusión social, un indicador máis amplo que se sitúa no 23,8% na nosa comunidade.
Neste acto, que tivo lugar ás 11:30 na oficina da Valedora do Pobo de Galicia, estiveron presentes o conselleiro de Política Social e os máximos responsables de EAPN Galicia, CERMI Galicia e da Coordinadora Galega de ONGD, ademáis de distintos deputados e deputadas.
Con esta e as demais actuacións realizadas durante toda a semana do Día Internacional para a Erradicación da Pobreza (17 de outubro), preténdese facer visible a realidade da pobreza e a exclusión social ante a cidadanía galega e ante os poderes públicos, poñendo ás persoas máis vulnerables no primeiro plano da axenda política e afirmando que non cremos na improvisación na loita contra a pobreza nin na división entre “pobres de aquí e pobres de alá”.