Skip to main content
A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, reuniuse o pasado luns 9 de novembro por videoconferencia coa directiva de Saúde Mental FEAFES Galicia para avanzar en proxectos conxuntos que favorezan a inserción laboral de persoas con problemas de saúde mental. O obxectivo destas iniciativas é conseguir unha igualdade real e efectiva do colectivo, coas mesmas oportunidades que o resto da cidadanía.
O encontro enmarcouse na rolda de contactos que Lorenzana mantén cos principais axentes sociais e económicos de Galicia, cara a perfilar unha axenda que teña como prioridade a igualdade de oportunidades no acceso ao mercado de traballo.
Na reunión, ademais da conselleira e da directora xeral de Formación e Colocación, Zeltia Lado, participaron o presidente de Saúde Mental FEAFES Galicia, Xosé Ramón Girón; o director autonómico, Antonio Hernández, e a coordinadora de Servizos e Programas, Carina Fernández.
A conselleira aproveitou a ocasión para felicitar a Saúde Mental FEAFES Galicia no mes no que cumpre 25 anos de traballo en prol das persoas con problemas de saúde mental e dos seus familiares. Lorenzana deixou patente que a Consellería ten como unha das súas liñas prioritarias intensificar o traballo coas entidades que representan a colectivos con maior dificultade para a súa ocupación.
A Xunta mantén desde hai anos unha estreita colaboración coa entidade con apoios próximos aos seis millóns de euros na última década, especialmente dirixidos ao desenvolvemento de actividades de información, orientación e procura de emprego para as preto de 70.000 persoas que representa á federación, e para programas integrados de emprego. Estas liñas de axuda compleméntanse coas ofrecidas en materia de igualdade para incentivar programas de mulleres en entidades de iniciativa social e as de fomento da contratación de persoas con discapacidade e persoas en situación de desemprego.