Skip to main content
O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, presentou hoxe, no salón de actos do Edificio Administrativo do Sergas, o Plan de Prevención do Suicidio en Galicia, que nace cun dobre obxectivo: o de reducir a taxa de suicidio e o de establecer mecanismos de coordinación para posibilitar que diferentes organismos poidan sumar os seus esforzos para traballar conxuntamente na prevención, manexo, intervención e acompañamento das persoas que levan a cabo un intento de suicidio, así como dos seus familiares. 
Tal e como destacou o responsable da carteira sanitaria do Executivo galego, Galicia é a segunda comunidade autónoma en dispoñer dun documento destas características, despois de Valencia, que presentou o seu plan o pasado mes de maio. Un aspecto considerado clave é conseguir que a prevención do suicidio sexa unha prioridade multisectorial, integrando a todos os axentes implicados nunha mesma estratexia.
Con este documento, a Consellería de Sanidade quere priorizar a prevención do suicidio na axenda da atención á saúde mental, e concienciar acerca do suicidio como un problema global, que vai máis alá da atención no ámbito sanitario, sendo necesario implementar outras medidas complementarias en ámbitos como o educativo e social. Cabe sinalar que as enfermidades mentais máis frecuentes son tratables e, en moitos casos, prevenibles, polo que é importante asesorar á poboación acerca de signos que aconsellen que as persoas establezan un contacto cos servizos de saúde.

Documento de consenso

O Plan hoxe presentado polo conselleiro de Sanidade é froito do labor dun grupo de traballo que deu lugar a un documento de consenso entre profesionais pertencentes a diversas institucións, todas elas potencialmente implicadas na abordaxe e prevención do suicidio na poboación galega.
No grupo de traballo estiveron representados diferentes profesionais do ámbito sanitario expertos en saúde mental, psiquiatras, psicólogos, persoal de enfermería, traballadores sociais, así como persoal de atención primaria e do 061. Os pacientes e as súas familias estiveron representados a través de FEAFES Galicia. Tamén participaron no documento, a Consellería de Política Social, o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e o Instituto de Medicina Legal da nosa Comunidade (IMELGA).
O plan contou coa figura do revisor externo, coa fin de ampliar o traballo realizado polo grupo elaborador. Así, coa visión de diferentes expertos de distintos ámbitos, incorporáronse as experiencias doutras comunidades autónomas. Dentro dos revisores externos do plan están expertos sobre o suicidio de recoñecemento nacional e internacional, investigadores da Universidade de Oviedo, da Universidade Autónoma de Barcelona, e responsables de saúde mental do Servizo Andaluz de Saúde. Tamén colaboraron representantes da Asociación Galega de Saúde Mental, da Asociación Galega de Psiquiatría e da Asociación Española de Enfermería de Saúde Mental.

Liñas estratéxicas e medidas de actuacións

O Plan recolle sete liñas estratéxicas. A primeira delas, a coordinación institucional, con medidas como a formación dunha comisión interdepartamental, protocolos intersectoriais e de prevención en educación e con programas de prevención no ámbito social. A segunda liña é a de sensibilización e concienciación, con iniciativas entre as que destacan as campañas de concienciación social e sensibilización.
A terceira liña é a da prevención e abordaxe, con medidas entre as que cómpre subliñar a continuidade asistencial e a elaboración de guías para pacientes, familiares e profesionais.
A cuarta liña de actuación é o acceso a medios letais, con control de puntos negros arquitectónicos e xeográficos, control do volume de fármacos aos pacientes e o control de pesticidas e tóxicos. 
A quinta medida é a formación de profesionais, tanto sanitarios como sociais e educativos, para profesionais de primeira intervención, e con talleres para medios de comunicación. A sexta medida é a posvención en sobreviventes, co fomento do asociacionismo entre os afectados; e a sétima é a investigación e alerta epidemiolóxica, coa creación dun observatorio galego de suicidio.