O pasado 18 de decembro, o Consello da Xunta de Galicia aprobou a Estratexia de Inclusión Social de Galicia 2014-2020, que constitúe un marco integrado de intervencións que pretenden responder, de forma efectiva e coordinada, ás situacións persoais e familiares de vulnerabilidade, pobreza e exclusión sociolaboral. O obxectivo desta estratexia é que, ante ditas circunstancias, as persoas encontren os apoios necesarios para alcanzar a súa inclusión social e laboral.
O novo plan, que terá unha duración de seis años, aumenta os seus fondos pasando de 230 millóns de euros destinados á estratexia anterior a 521 millóns cos que conta esta. Parte deste incremento correspóndese co diñeiro reservado a financiar a Renda de Integración Social de Galicia (RISGA), que nos últimos tres anos duplicou o seu presuposto, pasando dos 24 millóns de euros anuais en 2012 ós 47 previstos para o 2015.
A Estratexia de Inclusión Social deberá enfrontar algúns dos defectos máis denunciados nos servizos sociais e na atención ás persoas en situación de dificultade. Entre eles, atópanse os retrasos na concesión da RISGA, que en moitas ocasións supera o medio ano. Tamén deben resolverse os moitos obstáculos burocráticos e a escasa ou deficiente coordinación entre as distintas administracións.
Ademais, as entidades sociais demandan á Xunta que cumpra coas esixencias europeas de transparencia e de coxestión dos fondos destinados a loitar contra a pobreza, un proceso no que os colectivos que traballan con persoas afectadas deberían ter voz e capacidade de decisión.
Destaca tamén que a estratexia fai fincapé en promover a colaboración da iniciativa privada nos obxectivos de inserción laboral das persoas máis vulnerables, fomentar no ámbito laboral a igualdade entre mulleres e homes e a diversidade ou habilitar recursos de apoio para fomentar a inclusión socio laboral das persoas con discapacidade.
Entre os elementos positivos do plan, atópase a abordaxe das situacións de exclusión dun xeito integral e non só a través da intervención de servizos sociais, senón que tamén cobran importancia outras cuestións como as relacionadas co emprego. Segundo declara Xosé Cuns, director da Rede Galega Contra a Pobreza (EAPN-Galicia), esta estratexia “non busca perseguir e culpabilizar ós pobres, senón combater a pobreza e a exclusión”.
Se queres ler máis a fondo a Estratexia de Inclusión Social de Galicia 2014-2020, podes descargar o documento neste enlace.