O Cermi de Galicia tivo unha xuntanza de traballo a tarde deste mércores día 9 de maio na sala de xuntas da Conselleria de Traballo e Benestar, onde tódolos seus membros foron recibidos pola Conselleira, Beatriz Mato, quen estivo acompañada polo seu equipo de traballo, a Secretaria Xeral de Política Social, Coro Piñeiro, e mailos Directores Xerais das áreas de emprego, Ana Díaz, Amparo González e Odilio Martiñá. En representación de Feafes Galicia acudiu o seu presidente, Xosé Ramón Girón.
Durante a xuntanza, o Cermi Galicia achegoulle á Conselleira a inquedanza do colectivo da discapacidade ante as noticias da situación de recortes e reaxustes económicos actuais. No transcurso da reunión a Conselleira transmitiulle aos representantes do Cermi de Galicia o compromiso inamovible do Presidente da Xunta e da Conselleria, de manter o financiamento das políticas sobre discapacidade nos mesmos termos que no ano 2011.
Así mesmo, Beatriz Mato quixo transmitirlle ao Cermi de Galicia a confianza e a tranquilidade de saber que para o Goberno Galego as persoas con discapacidade son un grupo social prioritario na acción de tódolos Departamentos do Goberno Galego como vén demostrado pola aprobación do Plan de acción integral para as persoas con discapacidade de Galicia 2010-2013.
As entidades do Cermi de Galicia queren facer público o seu agradecemento ao Presidente da Xunta e a Conselleira de Traballo, que nestes intres de gran incerteza económica, garantan a continuidade dos servizos para un grupo social, que representa o 10 % dos cidadáns do noso país e que necesitan o apoio de todas e todos para acadar a súa inclusión social e autonomía persoal.
O Comité de Entidades de Representantes de Persoas con Discapacidade de Galicia (Cermi Galicia), que desenvolve a súa actividade dende o ano 1999, e a entidade máis representativa deste colectivo na comunidade, ao estar composta polas principais organizacións da Discapacidade COGAMI, FADEMGA, ONCE, FAXPG, FEAFES Galicia, DOWN Galicia, AUTISMO Galicia e FEGADACE.