Skip to main content
O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, participou onte en San Caetano nunha xuntanza de traballo coas entidades e federacións que forman parte do Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade, Cermi-Galicia, á que acudiu o presidente de FEAFES Galicia, Xosé Ramón Girón, en representación do colectivo das persoas con enfermidade mental.
O Goberno galego manifestou o seu compromiso cos dereitos e a integración plena das persoas con discapacidade, que hoxe, 3 de decembro, conmemora o seu día internacional. O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, e a directora xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Coro Piñeiro Vázquez, tamén acudiron a este encontro en que se abordou o plan de traballo que Cermi-Galicia e a administración autonómica levarán a cabo conxuntamente de cara ao 2016.
Ao longo da xuntanza, repasáronse os pasos que se están a dar para o desenvolvemento da Estratexia Galega sobre Discapacidade 2015-2020, a cal foi aprobada no Consello da Xunta do pasado día 5 de novembro. Neste sentido, estanse mantendo reunións con todos os departamentos da Xunta nas que tamén participan representantes do Cermi-Galicia coa finalidade de planificar a súa implantación, cun cronograma e con medidas detalladas. Trátase dunha folla de ruta para a mellora da calidade de vida das persoas con discapacidade que ten carácter transversal e que responde a seis liñas estratéxicas: accesibilidade, autonomía persoal, educación, formación e emprego, saúde e servizos sociais.
O titular autonómico da carteira de Política Social destacou o papel fundamental do Cermi Galicia “como instrumento fundamental de participación e para darlle voz a este colectivo e ás súas familias, na defensa dos seus dereitos e para conseguir a súa plena integración social” e recordou que como mostra do compromiso da Xunta de Galicia con este sector, “incrementouse nun 20% a partida económica destinada ás entidades que integran o Cermi Galicia, acadando en 2016 un importe de 3,6 millóns de euros”.

Reunións mensuais

A Consellería de Política Social e as entidades do Cermi-Galicia pecharon, así mesmo, un calendario de traballo que permita avanzar na implantación desta Estratexia e nas novas liñas de actuación a poñer en marcha, nomeadamente no ámbito da accesibilidade universal. 
Ao fío disto, a administración autonómica convocará o vindeiro ano novas axudas cofinanciadas con fondos europeos dirixidas á promoción da accesibilidade e a supresión de barreiras. Esta convocatoria, que se activará en colaboración cos concellos, terá carácter plurianual e un orzamento global de 900.000 euros. Estas reunións de seguimento da Estratexia serán mensuais, e o propio conselleiro participará cada tres meses nas mesmas.