Skip to main content
O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, e o presidente da Rede Galega contra a Pobreza (EAPN Galicia), Antonio Hernández Fernández, reuníronse onte en San Caetano para asinar o convenio de colaboración co que a Xunta e EAPN-Galicia unen as súas forzas para loitar contra a pobreza e a exclusión social.
Neste contexto, o titular autonómico en materia de Política Social, sinalaba á importancia que ten “a cooperación e o compromiso de toda a sociedade neste obxectivo común que compartimos: combater a exclusión social de moitos colectivos e, moi especialmente, dos máis vulnerables”. Rey Varela lembrou que este é o segundo ano consecutivo en que a Administración autonómica asina un convenio destas características con EAPN-Galicia e cuxo importe ascende a 18.000 euros.
Respecto da finalidade do acordo, o conselleiro de Política Social explicou que é o desenvolvemento de actuacións encamiñadas á coordinación, optimización dos recursos e sinerxias de actuación das entidades integrantes que teñen como finalidade a loita contra a pobreza e a exclusión social en Galicia. Deste xeito, ten como obxectivos facilitar o fluxo de informacións entre as organizacións do terceiro sector, contribuír a analizar a realizade da pobreza e da exclusión social, incidir nas políticas sociais desenvoltas en Galicia, potenciar a transparencia e mellora da xestión do sector e sensibilizar ao conxunto da sociedade e corresponsabilizar aos axentes clave, en particular a administracións públicas e empresas, sobre as cuestións relativas á inclusión social a través de diferentes iniciativas.
Para levar a cabo estes fins levaranse a cabo diferentes actividades divididas en tres liñas de actuación. En primeiro lugar, crearase un sistema de información compartida e de traballo colaborativo en rede. Na segunda liña de actuación atópase o incremento da capacidade de investigación e propostas de mellora na loita contra a pobreza, exclusión social e servizos sociais e por último un aumento da capacidade comunicativa interna e externa para a difusión da mensaxe de defensa dos dereitos das persoas en situación ou risco de pobreza e exclusión.
EAPN Galicia é unha entidade non lucrativa e de acción social que agrupa as entidades autonómicas do terceiro sector implicadas na loita contra a pobreza e a exclusión, entre as que se atopa FEAFES Galicia. Así mesmo, forma parte da European Anti Poverty Network (Rede contra a pobreza de nivel Europeo, que leva traballando de modo independente desde 1990).