Skip to main content
Ao longo do mes de febreiro, as 100 persoas participantes no Programa Integrado de Emprego FEAFES 2019/20 comezarán unha serie de accións grupais coa fin de mellorar a súa empregabilidade. Estas accións comprenden diversos obradoiros nos que poderán adquirir coñecementos e habilidades de utilidade para o seu proceso de inserción laboral.
Deste xeito, as persoas participantes no programa recibirán formación sobre novas tecnoloxías, posto que actualmente a Internet e as redes sociais ofrecen moitas posibilidades para a procura dun traballo. Tamén participarán en obradoiros de motivación e técnicas para a busca activa de emprego, grazas aos cales aprenderán a organizarse e ser efectivos, elaborar un CV ou unha carta de presentación adaptada a un posto de traballo concreto, etc.
Nos obradoiros de habilidades sociolaborais e entrevistas, dotarase ás persoas participantes das ferramentas necesarias para superar con éxito distintos tipos de entrevistas laborais, posto que estas son, en moitas ocasións, a porta de entrada a un emprego. Traballaranse tamén habilidades para o mantemento do posto de traballo, aprendendo a resolver problemas, a ser efectivos no posto de traballo, etc.
O Club de Emprego será o espazo onde as persoas participantes no Programa Integrado de Emprego FEAFES 2019/20 compartan ofertas, experiencias e apoio na procura dun obxectivo compartido, que é atopar un traballo. A maiores, cada persoa recibirá orientación, asesoramento e apoio individualizado por parte do persoal de orientación laboral, que lles axudarán a coñecer e analizar as actitudes, motivación e vocacións individuais de cada quen.
O Programa Integrado de Emprego 2019/20, financiado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, desenvólvese nas cidades de A Coruña, Santiago, Lugo, Ourense e Vigo. O seu obxectivo é mellorar a empregabilidade e aumentar as posibilidades de acceso ao mercado laboral das persoas participantes, co obxectivo de que a lo menos o 36% delas logren acceder a un emprego.