Skip to main content

As nosas asociacións prestan apoio e acompañamento a 75 persoas con problemas de saúde mental que viven en zonas rurais de Galicia grazas ao programa Achega.

A realidade xeográfica galega provoca que existan territorios rurais afastados que dificultan o acceso a conexións e servizos. Esta situación significaba un gran problema para as persoas con trastornos de saúde mental que viven nestas zonas. Tanto por estar alonxadas dos servicios de apoio e axuda como pola soidade que sofren na maioría dos casos.

Por todo isto, comezamos co proxecto Achega Saúde Mental. Este programa é unha iniciativa de interese xeral para fins de carácter social a cargo da asignación tributaria do 0,7% do IRPF da Xunta de Galicia a través da Consellería de Política Social e Igualdade.

Actualmente, o programa Achega Saúde Mental é levado a cabo polas asociacións APEM, Fonte da Virxe, Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal; Andaina, DOA, Avelaíña, Alume e Alba, así como a delegación de Ourense de Saúde Mental FEAFES Galicia.

Achegamos a atención ao rural

A través desta iniciativa, traballamos con 75 persoas con problemas de saúde mental que viven no rural e que están nunha situación que incrementa a súa exclusión social.

O programa busca aumentar a atención á saúde mental no rural, reducindo os obstáculos para acceder aos servizos de saúde mental e asegurando que as persoas reciben a atención adecuada.

Tamén informamos e asesoramos sobre os recursos dispoñibles, para que as persoas usuarias e as súas familias teñan toda a información posible. Así mesmo, facilitamos o acceso a terapias, centros de saúde, servizos sociais, actividades da contorna, etc.

Procuramos tamén dar apoio ás familias e proporcionarlles ferramentas e orientación para acompañar ás persoas con problemas de saúde mental. Ademais, buscamos mellorar a estabilidade psicopatolóxica para poder mellorar así a calidade de vida das usuarias e usuarios e as súas persoas de referencia.

Para conseguir todo isto, fomentamos o traballo en rede colaborando cos diferentes actores sociais e profesionais da saúde, creando así un tecido sólido de apoio e coordinación.

Grazas a Achega Saúde Mental, podemos dar pasos importantes cara a integración dos servizos sociais nas zonas máis rurais de Galicia.

O programa Achega Saúde Mental é posible grazas á xente que marcou a opción de “fins sociais” na súa declaración da renda. Isto permite destinar un 0,7% dos seus impostos a realizar programas de organización de acción social.