O pasado 27 de xuño, un grupo de 17 usuarios e usuarias de FEAFES Lugo aprenderon novos segredos sobre a reciclaxe e o medio ambiente nunha charla interactiva e práctica impartida por Oportunidades Galicia.
Acompañados por Eloy de la Iglesia, nesta actividade os participantes estiveron a separar residuos e a divertirse co “xogo da reciclaxe”, ademais de recibir tamén merchandising con mensaxes medioambientais.
O obxectivo desta actividade foi promover o uso responsable dos diferentes contedores de residuos, concienciar sobre boas prácticas vinculadas á xestión sostible destes e coñecer os diferentes recursos cos que conta a comunidade para a xestión de residuos urbanos.
O compañeiro de Oportunidades Galicia transmitiu que a prevención e a reutilización son dúas necesidades prioritarias para avanzar cara á sostibilidade, para o cal hai que saber separar os residuos con garantías e depositalos nos contedores correspondentes: amarelo, para latas, briks e envases de plástico; azul, para envases de cartón e papel; iglú verde, para envases de vidro; recipiente específico para pilas; e contedor verde convencional, para a fracción resto.
Así mesmo, é importante o papel que desempeñan os puntos limpos municipais, onde se reciben aqueles residuos de características especiais (voluminosos, aceites, tóxicos e perigosos do fogar, aparellos eléctricos e electrónicos, refugalos de pequenas obras, etc.) para ser entregados a xestores autorizados e garantir así o seu correcto tratamento ambiental.