Skip to main content
O 30 de novembro remata o proxecto “Inclusión Social: Atención Integral a Persoas con Discapacidade por Enfermidade Mental”, que está cofinanciado pola Consellería de Política Social, o Fondo Social Europeo e o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco dos programas operativos FSE Galicia 2014-2020 e Feder Galicia 2014-2020.
Tras ano e medio de traballo para mellorar a inclusión sociolaboral de persoas con problemas de saúde mental, tratamos de dar resposta á situación das 110 persoas que participaron no programa, atendendo as súas necesidades e demandas específicas individuais e facilitándolles o apoio e acompañamento social que precisan para unha correcta inclusión e reinserción sociolaboral.  
O Programa de Inclusión Social, que comezou en xullo do 2018, contou con dúas liñas de actuación: os itinerarios de inclusión sociolaboral con acompañamento e transición ao emprego para persoas sen fogar ou en grave risco de exclusión social e con enfermidade mental, nos que participaron 30 persoas das delegacións de A Coruña, Santiago, Ourense e Pontevedra; e os itinerarios de inclusión sociolaboral con acompañamento e transición ao emprego para persoas con enfermidade mental, dirixidos a 80 participantes das delegacións de A Coruña, Santiago, Lugo, Ourense e Pontevedra.
Con este programa tratouse de dar cobertura a un perfil de persoas con problemas de saúde mental heteroxéneo e complexo en canto á procedencia, idade ou problemáticas (mulleres, tutelados, persoas sen fogar, persoas en grave risco de exclusión social…), onde foron necesarias estratexias de afrontamento innovadoras e creativas adaptadas á nova realidade da exclusión social.
Deste xeito, este proxecto permitiu mellorar a empregabilidade dos participantes demandantes de emprego e, en consecuencia, mellorar a súa integración social. Ademais, favoreceu o coñecemento sobre as distintas fases do proceso de busca de traballo e a adquisición dos coñecementos e habilidades necesarias para superalo exitosamente, do mesmo xeito que se ofreceu apoio e asesoramento na súa incorporación ao mercado laboral.
Durante o transcurso do programa tamén se realizaron accións de orientación e asesoramento, adestramento para a busca de emprego, intermediación laboral e apoio para o mantemento do posto de traballo.
En definitiva, o Programa de Inclusión Social tratou de ofrecer oportunidades a persoas con problemas de saúde mental en situación de exclusión severa ou en risco de exclusión, que son as que teñen mais dificultades para lograr unha inclusión plena na comunidade.