Skip to main content
Un grupo de 6 participantes no programa Posta a Punto para o Emprego, financiado pola Consellería de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia, participaron o pasado 15 de marzo nun encontro que tivo lugar na delegación de Saúde Mental FEAFES Galicia en Vigo.
A charla, impartida por Teresa Fernández e Marta Fernández, técnicas do Grupo Sifu: Facility Services, pretendía achegar ás persoas participantes os servizos e traballo que realiza unha empresa socialmente responsable.
Ao longo das dúas horas que durou o encontro, as poñentes explicaron pormenorizadamente que é un Centro Especial de Emprego e, máis concretamente, o traballo que realiza o Grupo Sifu: Facility Services.
As persoas participantes no programa Posta a Punto para o Emprego puideron formular as súas dúbidas e valorar o seu perfil en relación ás necesidades de empregabilidade da empresa. Actividades deste tipo permiten ás persoas usuarias coñecer máis de cerca compañías reais e as condicións de traballo que requiren.
O programa Posta a Punto para o Emprego pretende mellorar a empregabilidade de 50 persoas con problemas de saúde mental perceptoras da Renda de Inclusión Social de Galicia (RISGA) ou do Ingreso Mínimo Vital. Desenvólvese nas 5 delegacións de Saúde Mental FEAFES Galicia e contempla unha serie de actuacións que van desde a fase de información e acollida ata un seguimento posterior á súa finalización.