O Programa Integrado de Emprego EM-PREGATE V, financiado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, ten como obxectivo mellorar a empregabilidade das 100 persoas que participan en toda a comunidade autónoma.
Nestes momentos, a formación teórica orientada a mellorar a capacitación profesional dos demandantes xa está case rematada, polo que agora queda coñecer un pouco máis de preto o funcionamento das empresas e do mercado laboral.
Para iso, os participantes de Programa Integrado de Emprego EM-PREGATE V están a realizar visitas a empresas para coñecelas dende dentro. Igualmente, nas distintas cidades nas que se leva a cabo o programa estanse a expoñer “casos de éxito”: encontros onde algunha persoa que participou en anteriores edicións do programa comparte a súa experiencia trasladando así a motivación e enerxía necesarias para continuar co proceso de busca de emprego.
Non obstante, nesta fase do programa centrámonos especialmente na prospección e intermediación laboral que facilite o acceso ao emprego das persoas participantes. Neste senso, para mellorar o currículo e as competencias sociolaborais das persoas participantes, contamos coa realización de prácticas non laborais en empresas tanto ordinarias como protexidas.
As prácticas non laborais permiten contrastar a teoría da aula coa práctica real da empresa, aumentar a capacitación das persoas participantes proporcionándolles técnicas e habilidades, aumentar o seu currículo vitae, avaliar actitudes, destrezas e coñecementos no lugar de traballo e aumentar as posibilidades de inserción laboral.
Estas prácticas tamén permiten aos demandantes de emprego definir os seus intereses vocacionais, aumentar a motivación real para traballar, cambiar ideas erróneas sobre as necesidades do mercado laboral, avaliar os coñecementos en sectores moi especializados, formarse dentro dunha empresa específica e, sobre todo, cambiar a imaxe que ten o empresariado sobre os problemas de saúde mental.
Polo tanto, a realización de prácticas non laborais é de gran utilidade tanto para a persoa con problemas de saúde mental como para o empresariado. Ao primeiro, permítelle darse conta de que é capaz de realizar o traballo; e ao segundo, permítelle coñecer a un potencial traballador e darse conta de que as súas competencias e rendemento son similares aos dunha persoa sen problemas de saúde mental. Con isto, redúcese de forma considerable o prexuízo cara este colectivo.
Nesta ocasión, no marco do Programa Integrado de Emprego EM-PREGATE V, 8 persoas realizaron prácticas non laborais en catro empresas de Lugo e en catro de Pontevedra, desempeñando postos de limpeza, recepción ou xardinería, entre outros. Empresas socialmente responsables como Clece, Urbaser, Lacera, Saudalia, Tupana Obrador e Clarosol foron as que facilitaron o acceso ao mundo empresarial a estas persoas, dándolles a oportunidade de mellorar as súas competencias laborais e o seu currículo.