O programa Achega Saúde Mental, financiado a cargo do 0,7% do IRPF e o Imposto de Sociedades, achega os servizos de saúde mental a persoas e familias que residen no rural mediante un modelo de atención comunitaria e de proximidade.
A xeografía galega fai que existan territorios rurais afastados nos que o acceso e a conexión con determinados servizos e especialmente complexa. Isto supón un grande inconvinte para as persoas con problemas de saúde mental que viven nesas zonas, tanto por estar afastadas dos servizos de apoio como pola soidade que sofren en moitas ocasións.
Por iso, a través do programa Achega Saúde Mental, achegámonos ás zonas rurais para ofrecer atención integral, apoio e asesoramento a persoas con problemas de saúde mental e ás súas familias na súa contorna natural.
Mediante un modelo de atención comunitaria e de proximidade, os equipos que traballan neste proxecto achéganse aos concellos, centros de saúde, domicilios e outros espazos, combinando a atención presencial coa telemática, e incluíndo unha metodoloxía de apoio entre iguais que fomenta o empoderamento e as redes naturais de axuda.
Durante o ano 2026, estamos a traballar con 74 persoas con problemas de saúde mental que viven en zonas rurais de toda Galicia e que se atopan en situacións que incrementan a súa exclusión social, como dificultades de desprazamento para acceder a recursos sanitarios e sociais, escaso contacto ou seguimento por parte das Unidades de Saúde Mental, falta de apoio familiar ou sociocomunitario, ou escasos recursos económicos.
Para dar cobertura a múltiples lugares da xeografía galega, o programa está executado por asociacións que actúan e se desprazan a distintas áreas: APEM, Fonte da Virxe, Saúde Mental Ferrol, Andaina, DOA, Avelaiña, Alume, Alba e a delegación de Saúde Mental FEAFES Galicia en Ourense.
Con Achega Saúde Mental logramos aumentar a atención nas zonas rurais, informar e asesorar sobre os recursos dispoñibles, achegar as persoas aos recursos da comunidade, dar apoio ás familias, mellorar a estabilidade psicolóxica e patolóxica das persoas ás que atendemos e fomentar o traballo en rede con distintos actores sociais e da saúde mental.
Deste xeito, contribuímos a integrar os servizos de saúde mental nas zonas rurais, ofrecendo atención profesional e recursos a moitas persoas que, ata agora, non contaban co apoio necesario.
O programa Achega Saúde Mental é posible grazas ás subvencións destinadas á realización de programas de interese xeral para fins de carácter social, con cargo á asignación tributaria do 0,7 % do imposto sobre a renda das persoas físicas e do imposto de sociedades, xestionadas pola Consellaría de Política Social e Igualdade.
![]()
