Skip to main content

Contar con ferramentas que nos permitan lidiar no día a día coas dificultades que se nos presentan é imprescindible para coidar a nosa saúde mental. Con axuda, todas as persoas podemos chegar a coñecer aqueles factores que poden poñer en risco a nosa saúde e tamén adquirir as habilidades necesarias para protexernos.

Neste senso, o pasado 23 de setembro a psicóloga de Saúde Mental FEAFES Galicia, Sonia Ramos, achegouse á Xornada de Benvida da V Promoción do Espazo Compartido da Universidade da Coruña para sensibilizar e concienciar sobre saúde mental e os seus coidados. A charla tiña como finalidade dar claves para identificar situacións estresantes e dotar ás e ós participantes de ferramentas e técnicas para o correcto manexo do estrés.
Trátase dunha actividade organizada no marco do convenio de colaboración entre Saúde mental FEAFES Galicia e a universidade, a través da UDC Saúdable, pola cal ambas entidades se comprometen a traballar conxuntamente no fomento da saúde mental entre a xuventude e o estudantado da universidade de A Coruña.
O Espazo Compartido é un programa promovido pola Universidade de A Coruña de formación en habilidades persoais, sociais e competencias básicas, para a empregabilidade e o fomento da inclusión laboral dos mozos e mozas con discapacidade cognitiva.
O alumnado comeza agora o seu último ano de universidade. Un tramo complicado pola finalización dos estudos e a proximidade do salto ao entorno laboral, polo que estas indicacións poden ser de gran utilidade para afrontar esta etapa decisiva, lidiando coa tensión e o estrés que poidan padecer.
Aproveitamos tamén este achegamento para falar da campaña lanzada pola Confederación Salud Mental España: Dalle like a saúde mental. Polo dereito a crecer en benestar.