A asociación Alume, en colaboración con FEAFES Galicia, celebra o venres 16 de setembro o IV Campionato de Pingpong dirixido a persoas con problemas de saúde mental. Este evento consiste nun encontro lúdico e deportivo no que participarán oito asociacións procedentes de toda a comunidade autónoma.
O torneo terá lugar no Pavillón Casa do Deporte en Lugo ao longo de toda a mañá, durante a cal desenvolveranse unha serie de partidos individuais nos que se enfrontarán arredor de 40 participantes. Tras a celebración do campionato terá lugar a entrega de premios e, posteriormente, os asistentes celebrarán un xantar de convivencia.
Os participantes proceden de distintos lugares da nosa comunidade e pertencen a diversas asociacións e delegacións de FEAFES Galicia: Alba (Pontevedra), Alume (Lugo), Andaina (Ordes e Dodro), Avelaíña (A Guardia e Baiona), Doa (Cangas e Vigo), Morea (O Barco de Valdeorras), Portanova (Narón) e FEAFES Santiago.
Este Campionato de Pingpong ten como obxectivo promover o deporte en igualdade, impulsar a actividade física entre as persoas con enfermidade mental e loitar contra o estigma social que sofre este colectivo. A través deste torneo, o movemento asociativo FEAFES amosa á sociedade galega a imaxe máis positiva das persoas con enfermidade mental, combatendo de modo activo os estereotipos negativos e os falsos prexuízos que se asocian a estas persoas.