En Saúde Mental FEAFES Galicia desenvolvemos o programa “Persoas sen fogar” que atende a persoas con enfermidade mental grave en situación de extrema vulnerabilidade.

Quedar sen fogar non é soamente carecer dunha vivenda. Tamén implica afrontar situacións de vulnerabilidade, exclusión e dificultades para exercer plenamente os noso dereitos. Se ademais se suma que a persoa teña algún tipo de problema mental, a situación agrávase. Por iso, desde Saúde Mental FEAFES Galicia levamos a cabo o programa “Persoas sen fogar”.
Este programa é unha iniciativa de interese xeral para fins de carácter social a cargo da asignación tributaria do 0,7% do IRPF da Xunta de Galicia a través da Consellería de Política Social e Igualdade.
Unha relación de confianza para favorecer a recuperación
A través desta iniciativa, buscamos atender a 15 persoas con problemas de saúde mental que se atopan en situación de exclusión residencial grave ou sen fogar. Este proxecto busca ofrecer apoio e acompañamento ás persoas que se atopan en situación de senfogarismo, promovendo a súa autonomía, o acceso a oportunidades e a mellora da súa calidade de vida.
A través dunha atención próxima e individualizada, traballamos para dar resposta ás necesidades de cada persoa, desde o respecto á súa dignidade, os seus dereitos e a súa historia de vida.
Adrián Varela, técnico responsable do programa, destaca a importancia das iniciativas de inclusión social. “Son un elemento capital para a mellora da calidade de vida das persoas que se atopan nunha situación de exclusión grave ou de sen fogar e que presentan un problema de saúde mental”, indica.
Explica tamén que a intervención debe ir máis alá da atención sanitaria ou da cobertura das necesidades básicas. Destaca a importancia do acompañamento próximo para favorecer a recuperación. “Establecemos unha relación de confianza que respecta os ritmos de cada persoa e traballamos desde as súas capacidades, as súas decisións e os seus obxectivos.”
Do mesmo xeito, sinala que é importante facilitar o acceso aos dereitos e recursos esenciais, como a documentación, as prestacións, un aloxamento digno e a atención sanitaria. Tamén a coordinación entre os servizos sociais, os recursos de saúde mental e as entidades que traballan no ámbito do senfogarismo.
Adrián afirma que a inclusión real non consiste soamente en que unha persoa teña acceso aos recursos: “A inclusión real é que poida recuperar o seu lugar na comunidade, sentirse parte, vivir con dignidade.”
—
O programa “Persoas sen fogar” é posible grazas á xente que marcou a opción de “Fins sociais” na súa declaración da renda. Isto permite destinar un 0,7% dos seus impostos a realizar programas de organización de acción social.

