O programa Actívate favorece a inserción laboral e a inclusión social de persoas que teñen algún problema de saúde mental en toda Galicia.
Acceder a un emprego é un obxectivo con enormes dificultades para as persoas con problemas de saúde mental. O desemprego e a marxinación do mundo laboral son unha das maiores desvantaxes sociais que sofre este grupo de persoas.
Para facer fronte a esta realidade, Saúde Mental FEAFES Galicia desenvolveu o ano pasado o programa Actívate. Esta iniciativa, financiada pola Consellería de Sanidade, ten por obxectivo mellorar a empregabilidade das persoas con problemas de saúde mental, favorecendo que atopen e manteñan un posto de traballo.
Elaboramos un itinerario orientado á capacitación e a inserción laboral
No marco do programa Actívate, desenvolvemos un itinerario personalizado de inserción, un proceso flexible e adaptado a cada persoa participante. Este itinerario estivo guiado por unha ou un profesional que acompaña á persoa participante desde a orientación inicial ata a inserción no mercado laboral. Durante o itinerario, as persoas participantes recibiron formación sobre coaching, intelixencia emocional e estratexias de motivación para a busca activa de emprego.
O proceso consta dunha avaliación inicial, na que coñecemos á persoa, os seus intereses e obxectivos. Logo, iniciamos unha fase de información e asesoramento na que orientamos á persoa laboralmente e intentamos dotala das carercterísitcas necesarias para a busca do emprego. Seguidamente ofrecémoslle formación tanto en competencias transversais a calquera emprego como en áreas técnicas máis específicas para mellorar as posibilidades de inserción no mercado laboral. Tras a etapa formativa, as persoas usuarias teñen acceso a unhas prácticas non laborais que lles permiten seguir formándose no propio posto de traballo. Durante este período realizamos tamén intermediación laboral e apoio no posto de traballo mediante a comunicación constante entre a empresa, a persoa e a nosa entidade.
E melloramos a autoestima e a autonomía
Ao longo do programa Actívate no 2024, traballamos con 12 persoas (6 mulleres e 6 homes). Todas as persoas participantes recibiron formación en habilidades transversais. Ademais, 6 participaron en formacións competenciais e 6 realizaron prácticas non laborais en empresas. Un 41% das persoas lograron unha inserción laboral.
A participanción neste programa, permitiulles ás persoas usuarias non só mellorar as súas posibilidades de emprego, senón experimentar tamén un cambio social. Asumir o rol de persoa traballadora e sentirse partícipes na sociedade, o que contribuíu tamén a mellorar a súa autoestima. Foi tamén unha fonte de apoderamento para as persoas participantes. A través do apoio entre iguais e o coaching, reforzaron a súa autonomía, motivación e capacidade para tomar decisións.
Ademais, o programa Actívate permite tamén elimiar os prexuízos sociais que aínda existen cara as persoas que teñen algún problema de saúde mental. Con iniciativas coma esta podemos demostrarlle ao mercado laboral as potencialidades destas persoas. Como resultado do Actívate, máis de 20 empresas foron sensiblizadas e colaboraron activamente en accións de formación e inserción laboral.
Coa colaboración de: