A adolescencia é unha etapa crucial no desenvolvemento humano onde se experimentan numerosos cambios físicos, emocionais e sociais. É durante este período que a saúde mental das e dos adolescentes pode enfrontar diversos desafíos. Por isto, é importante establecer actividades que promovan o benestar psicolóxico e emocional das persoas mozas. Neste artigo, explicaremos a importancia do benestar cognitivo nesta etapa e presentaremos unha variedade de actividades para coidar a saúde mental en adolescentes.
Saúde mental na adolescencia
A saúde mental na adolescencia é un tema de gran relevancia debido aos cambios físicos, hormonais e emocionais que experimentan as persoas novas durante esta etapa. Factores coma o estrés académico, as presións sociais, os cambios na familia e a busca de identidade poden afectar de modo significativo ó benestar psicolóxico dos e das adolescentes.
Por outro lado, coñecer ben que é a saúde mental e como se manifestan os problemas, é algo fundamental, polo que canta máis información teñas, mellor. É importante que teñan ó seu alcance ferramentas e recursos para que poidan xestionar adecuadamente as súas emocións, resolver conflitos e desenvolver unha autoestima positiva.
Como detectar problemas de saúde mental na adolescencia?
Durante este período de transición, é común que as e os adolescentes afronte desafíos relacionados coa súa saúde mental. Identificar e abordar estes problemas a tempo é crucial para garantir o seu benestar emocional e psicolóxico.
Se es familiar e ves algún dos seguintes comportamentos na túa contorna, podes consultar os nosos servizos para familiares e axudarémosche. A continuación, presentamos algúns sinais e síntomas que poden indicar o inicio e/ou a presenza de problemas de saúde mental na adolescencia:
Sinais en adolescentes:
- Cambios no comportamento: Os cambios significativos no comportamento dunha persoa adolescente poden ser un indicador de problemas de saúde mental. Isto inclúe cambios nos patróns de sono, apetito, interese por actividades previamente desfrutadas, así como o aumento de comportamentos impulsivos ou agresivos.
- Dificultades nas relacións interpersoais: Os problemas de saúde mental poden manifestarse en dificultades para establecer e manter relación saudables con familiares, amizades e compañeiros ou compañeiras. Na adolescencia, as persoas poden volverse máis retraídas, evitar actividades sociais ou experimentar conflitos frecuentes coa súa contorna.
- Cambios no rendemento académico: A saúde mental inflúe no rendemento académico das e dos adolescentes. Se comeza a ter dificultades significativas na escola como a diminución das cualificacións, a falta de interese na aprendizaxe ou a ausencia frecuente, podería ser un sinal de que está experimentando problemas emocionais ou psicolóxicos.
- Expresións de tristeza ou desesperanza: As persoas en idade adolescente que experimentan problemas de saúde mental poden expresar sentimentos de tristeza, desesperanza ou falta de motivación. Poden mostrar abatemento, chorar con frecuencia ou ter dificultades para encontrar pracer en actividades que antes desfrutaban.
- Cambios no aspecto físico: Os cambios no aspecto físico, como a perda ou aumento significativo de peso, a falta de coidado persoal ou cambios repentinos na forma de vestir, poden ser sinais de que unha persoa adolescente está experimentando problemas de saúde mental.
- Comportamentos de risco: Cando na adolescencia se experimentan problemas de saúde mental, pódense levar a cabo comportamentos de risco como o consumo de drogas e alcohol, o comportamento sexual arriscado ou a autolesión. Estes comportamentos poden ser unha forma de facer fronte á angustia emocional ou ó malestar.
- Síntomas físicos sen causa aparente: Os problemas de saúde mental poden manifestarse a través de síntomas físicos, coma dores de cabeza, dores de estómago ou fatiga, sen unha causa médica aparente. É importante ter en conta que estes síntomas poden estar relacionados co estrés emocional ou a ansiedade.
- Illamento social: As e os adolescentes que experimentan problemas de saúde mental poden retirarse socialmente e evitar o contacto con amizades e familiares. Poden pasar máis tempo nas súas habitacións, evitar eventos sociais ou preferir actividades solitarias.
Actividades para coidar a saúde mental en adolescentes
Para afrontar estas situacións, propoñemos varios exemplos de actividades para traballar e coidar a saúde mental en adolescentes, aínda que sempre temos os nosos servizos a disposición de calquera persoa que os precise.
Facer exercicio e practicar deporte. A práctica deportiva axuda a afastar as emocións negativas como é a tristeza, mellorar o humor e conseguir unha maior estabilidade emocional. Ademais, facilita as relacións sociais e o desenvolvemento das habilidades de afrontamento.
Hábitos saudables: unha alimentación equilibrada e saudable, contar con horarios – rutinas e unha boa hixiene do sono, mellora a saúde física, o estado de ánimo, a concentración e o nivel de enerxía.
Obradoiros de autoestima
Organizar talleres onde as e os adolescentes poidan explorar e fortalecer a súa autoestima é unha actividade beneficiosa. Pódense realizar dinámicas que fomenten o autocoñecemento, a aceptación persoal e a valoración das propias capacidades e calidades.
Rede de apoio
Crear espazos seguros onde as persoas mozas poidan compartir as súas preocupacións, emocións e experiencias é fundamental para o seu benestar emocional. Os grupos de apoio facilitan o intercambio de ideas, o apoio mutuo e a construción de relacións significativas.
Actividades creativas
Fomentar a expresión artística e creativa pode ser unha forma efectiva de traballar a saúde mental en adolescentes. Pódense realizar obradoiros de pintura, música, escritura ou teatro onde a mocidade poida expresar as súas emocións de forma libre e creativa.
Uso responsable das novas tecnoloxías
Educar a adolescentes no bo uso de internet, das redes sociais e dos videoxogos é preciso para atopar un equilibrio e usalos de forma saudable.
Se o precisas, non dubides en poñerte en contacto con nós