Skip to main content
O Programa de Habilidades Prelaborais para a Inclusión Sociolaboral Plena de Persoas con Discapacidade a causa de Enfermidade Mental, financiado pola Consellería de Política Social e o Fondo Social Europeo, trata de dar resposta á situación pola que atravesan estas persoas en Galicia.
No marco deste programa aténdense as necesidades concretas de formación prelaboral e de habilidades para realizar actividades da vida cotiá que faciliten a futura inserción sociolaboral das persoas participantes, é dicir, que contribúan a mellorar a súa empregabilidade.
Deste xeito, trabállase na información, asesoramento, acompañamento, formación e orientación laboral de persoas demandantes de emprego que teñen discapacidade e que se atopan en situación de especial vulnerabilidade ou risco social. A través destas accións favorécese a integración sociolaboral destas persoas mediante itinerarios integrados e personalizados de inserción que inciden nas áreas de desenvolvemento persoal e social, na área básica e na prelaboral.
Neste proxecto, que comezou en xullo do 2018 e remata en xuño do presente ano, están a participar un total de 30 persoas de A Coruña, Santiago e Vigo. A todas elas fíxoselles inicialmente unha valoración individual, tras a cal deseñouse un itinerario personalizado e, posteriormente, asignáronselle as accións formativas e os recursos de apoio necesarios. En todo momento, os participantes tiveron un acompañamento e seguimento por parte dos profesionais de Saúde Mental FEAFES Galicia, así como unha revisión periódica dos obxectivos perseguidos. 

Formación en habilidades prelaborais

Dentro das acción formativas impulsadas no marco deste programa, realizáronse obradoiros de habilidades sociais, igualdade e inclusión social, novas tecnoloxías para a busca activa de emprego, habilidades da vida diaria e psicoeducación. Estes contidos foron ampliados con sesións de traballo grupais e individuais adaptadas ás necesidades do grupo que permitiron, ademais, dar cobertura ás demandas individuais.
Tras esta formación, os participantes adquiriron un maior coñecemento sobre os seus dereitos e responsabilidades, achegándose ao funcionamento formal da sociedade. Ademais, mediante este proxecto conseguiuse espertar intereses en diversas temáticas por parte dos participantes, do mesmo xeito que se puideron achegar a outros axentes e recursos sociais favorecendo así a súa participación comunitaria.  
 
A maiores do contido formal, nas accións formativas creouse un entorno que favoreceu a interacción, permitindo as relacións interpersonais e aumentando o nivel de confianza e autoestima das persoas participantes. Consecuentemente, pódese dicir que os participantes aumentaron as súas competencias socio-profesionais, favorecendo así a súa inclusión social e a inserción laboral.