Usuarios da asociación Afaes Porta Nova, xunto a membros doutras entidades de discapacidade da comarca, tiveron a oportunidade de dar a coñecer as súas demandas nun acto público que se desenvolveu o 12 de decembro no Centro Comercial de Narón a propósito do Día Internacional da Diversidade Funcional.
A través de diferentes mesas informativas e da lectura de frases reivindicativas, estes veciños do municipio deron a coñecer unha vez máis o traballo que realizan a favor da normalización e a visibilidade da diversidade funcional. Os usuarios de Afaes Porta Nova declararon que “as persoas con enfermidade mental necesitamos oportunidades. Podemos participar na sociedade e achegar a nosa experiencia” e que “as persoas con enfermidade mental podemos traballar. Limitan máis os estereotipos que a propia enfermidade”.
O acto, coorganizado polo Concello de Narón dentro da programación do Día Internacional da Diversidade Funcional, contou tamén con actuacións musicais, exhibicións de baile e diferentes talleres como a actividade “Senta e sente” na que os participantes experimentaron en primeira persoa a vida desde unha cadeira de rodas.