A principios do 2016, a Directora Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade dirixiuse a distintos Centros Ocupacionais, entre eles o da asociación Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal, explicando que con motivo do Plan de Apoio á Natalidade, a Xunta de Galicia ía conceder unha Cesta Benvida con diferentes agasallos aos bebés nados ao longo do ano.
A Xunta apostou por que parte dos agasallos estean realizados en distintos Centros Ocupacionais galegos, de tal xeito que propuxo a Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal realizar algún regaliño que sexa útil durante o primeiro ano de vida do bebé.
Foi entón cando a asociación iniciou esta colaboración co Plan de Apoio á Natalidade elaborando distintos agasallos ao longo do tempo, a maioría deles realizados polos usuarios no taller de costura cunha pequena supervisión por parte da mestra do obradoiro.
Inicialmente, no mes de marzo de 2016, a asociación enviou 50 pinzas para chupeteiros e 50 colgantes infantís; en setembro confeccionou 100 toallas cambiadores para o bebé; e dende outubro de 2016 está elaborando toallitas para as babas do pequeno. Destas últimas, no derradeiro trimestre de 2016 enviáronse 300 unidades, en maio deste ano mandouse outra remesa de 110 e está previsto rematar outubro con 590 toallitas máis.
Ademais dos agasallos elaborados artesanalmente en asociacións de discapacidade, o Cesta Benvida da Xunta inclúe discos de lactancia, auga de colonia, toalliñas, aceite para o corpo, loción de baño ou crema para o cuíño do bebé, entre outros produtos de aseo. Obséquiaselles ademais cunha manta, unha camiseta para o neno, un CD de nanas, un libro en galego e unha guía para os pais.