Skip to main content
Carmen e Catalina non se coñecen, pero teñen moito en común. Ambas chegaron a Saúde Mental FEAFES Galicia na busca de apoio, e tras pasar polo Programa de Atención Integral a Mulleres con Enfermidade Mental en Situación de Vulnerabilidade, financiado pola Secretaría Xeral de Igualdade, lograron canalizar os seus obxectivos e mellorar a súa situación persoal.
Catalina, de Ourense, recoñece que chegou con moitas dúbidas e bastante desesperanza, pero tras o seu paso polo programa, adquiriu ferramentas para afrontar mellor o seu día a día: “Gañei moita confianza grazas aos pequenos pasos que fun dando, adquirín capacidades, seguridade, aprendín a non desesperar antes de esperar… conseguín nun ano o que non conseguira en trinta”, recoñece con optimismo.
Carmen, pola súa banda, acudiu a FEAFES Lugo na procura de orientación e formación para afrontar mellor a súa busca de emprego. Do apoio que atopou destaca que “aportoume seguridade, porque son unha persoa que se angustia con facilidade, e saber que teño quen me axude, faime sentir tranquila”, asegura. 
Ambas coinciden en que o traballo é fundamental para sentirse útiles, seguras e desenvolver un proxecto de vida estable. “O traballo apórtame moitísimo”, afirma Carmen, “estar con persoas distintas, ir paseando ao meu posto de traballo, ter conversas cos compañeiros e falar das miñas preocupacións… valóroo moitísimo”. Catalina, pola súa banda, apunta que agora vai máis segura ás entrevistas de traballo: “vou coa cabeza en alto, que antes non o podía facer”, recoñece.
Esta seguridade nunha mesma é parte dos obxectivos que se buscan no Programa de Atención Integral a Mulleres con Enfermidade Mental en Situación de Vulnerabilidade, que trata de dotar dunha maior autonomía e independencia ás mulleres participantes para mellorar a súa situación persoal, social e laboral. Para iso, ofréceselles unha atención personalizada e especializada, valorando cada caso particular e actuando sobre as necesidades de cada persoa.
“Os obxectivos cumpríronse con creces”, asegura Catalina, “son a versión mellorada da persoa que chegou a FEAFES”. A ourensá agradece enormemente o traballo realizado polo persoal técnico da entidade, pois grazas a eles e elas conseguiu, entre outras cousas, entender e relativizar a súa condición de saúde: “Non son un trastorno, son unha persoa, teño unha coletilla detrás pero non me limita, fago as mesmas cousas que os demais”, insiste.
A este respecto, Carmen recoñece que os problemas de saúde mental xeran certa incomprensión, pero ao entrar en contacto con outras persoas que se atopaban en situacións semellantes, decatouse de que é moito máis frecuente do que parece. A alguén que estea pasando por un momento complicado a nivel de saúde mental, aconséllalle “que o diga e que o fale”. E Catalina coincide con ela: “que non se ofusque e non se limite, porque canto máis te pechas en ti, máis che prexudica”, engade. “Eu, no meu caso, non teño ningunha dúbida de que isto seguirá avanzando a mellor”, conclúe Catalina.