Skip to main content

Para Julia, achegarse ó Programa de Atención Integral de Mulleres con Enfermidade Mental en situación de vulnerabilidade, foi un cambio radical e un proceso de autocoñecemento e coidado.

Julia (nome ficticio) coñeceu Saúde Mental FEAFES Galicia fai algo máis de dous anos a través da súa filla. Achegouse a nós nun momento delicado da súa vida: “Atopábame bastante mal. Estaba baleira, deprimida. Non riña un rumbo fixo nin ganas de seguir loitando”

Así que Julia comezou o seu proceso dentro do Programa de Atención Integral a Mulleres con Enfermidade Mental en Situación de Vulnerabilidade, financiado pola Consellería Xeral de Igualdade. Para ela foi un cambio radical, atopou o apoio e o asesoramento necesario para coñecerse e coidarse a si mesma: “Desaprendín cousas que daba por feito dende nena e aprendín a valorarme e a darme o meu sitio. Sigo querendo ós meus igual ou máis ca antes, pero sen deixarme a alma polo camiño.”

Julia considera que a súa seguridade e autoestima aumentou moito neste proceso: “Antes non facía miles de cousas como ir ó cine soa. Pensaba que ter tempo para min estaba mal. Agora tomo decisións por min mesma”

Recoñece que o camiño non sempre é sinxelo, que de vez en cando hay “baixóns” pero que agora se ve capaz de xestionalos con menor ansiedade e preocupación. Considera que o apoio que recibíu durante o programa, e de parte do equipo de profesionais de Saúde Mental FEAFES Galicia, foi crucial para chegar ó punto no que se atopa neste momento. “Síntome orgullosa de min mesma e do que logrei. Agora son eu, unha muller forte e con ganas de seguir loitando.”

A hisotira de Julia é só un exemplo do que se pode conseguir se se ten o apoio e o acompañamento necesario. Ela é consciente de que hay máis mulleres en situacións similares á súa. Cre que pedir axuda profesional é un paso fundamental: “que conten o que lles pasa a alguén de confianza e pidan axuda ós e ás profesionais. Moitras persoas quedan polo camiño e non é xusto.”

Un programa enfocado nas mujeres

O Programa de Atención Integral a Mulleres con Enfermidade Mental en Situación de Vulnerabilidade, permítenos atender a 52 mulleres en situación vulnerable e con problemas de saúde mental durante o período 2022-2023.

O obxectivo deste programa é contribuír a reducir a triple discriminación que sofren estas mulleres e dotalas de ferramentas para reforzar a súa autonomía, para que poidan así mellorar a súa situación persoal, social e laboral.

Dentro das accións que se levan a cabo neste programa está o servizo de orientación e información especializado, unha liña 900 gratuíta, atención psicolóxica, mediación familiar, asesoramento xurídico e servizo de orientación laboral, entre outros.

Tamén se desenvolven accións formativas de utilidade para as mulleres que participan no programa como Técnicas de Busca de Emprego, Trámites Online ou Psicoeducación con Perspectiva de Xénero, Autoestima e Autocoidados; Afectividade, Sexualidade e Anticoncepción; Acoso a través das novas tecnoloxías e Recursos e Información de utilidade ante situacións de Violencia de Xénero.