Skip to main content
“O meu gramo de locura” é unha iniciativa posta en marcha polo xornalista José Manuel Cámara en colaboración con Radio 5 (RNE) para dar a coñecer á cidadanía o traballo das entidades membro da Confederación Saúde Mental España. 
A través dos testemuños de persoas que pertencen a distintas asociacións confederadas, vanse debullando os obxectivos e as reivindicacións do movemento asociativo de persoas con enfermidade mental e familiares, así como as iniciativas postas en marcha polas entidades para lograr a súa consecución.
Cada programa dura ao redor de catro minutos e está dedicado a unha asociación distinta, da cal falan usuarios, profesionais e familiares. Este mes de marzo teremos a oportunidade de coñecer os testemuños de persoas pertencentes a dúas asociacións de FEAFES Galicia: a lucense Alume e a pontevedresa Alba.
O 17 de marzo será a quenda de Alba, onde escoitaremos a dous usuarios que fan uso dos talleres e os pisos tutelados cos que conta a asociación. Acompañaranos a psicóloga e co-directora de Alba, Montse García, así como a presidenta da asociación, Carmen Blanco. A peza será emitida ás 12:37 e teremos a ocasión de volver escoitala ás 01:52 esa mesma madrugada.
O 31 de marzo, pola súa banda, será Alume quen se faga cos micrófonos de Radio 5. Dous usuarios da entidade contarán a súa experiencia persoal de participación nesta asociación, á vez que poderemos escoitar tamén ao presidente de Alume, Manuel Fernández. 
Para aquelas persoas que desexen escoitar en directo aos compañeiros de Alume e de Alba, poderán buscar a frecuencia de Radio 5 máis próxima nesta ligazón. Unha vez emitidos ambos programas, serán colgados xunto ao resto de posdcasts nesta páxina.