Skip to main content
Novas

Alume e a Protectora de Animais de Lugo presentan o calendario solidario 2014

By 21 de Novembro de 2013Novembro 13th, 2022No Comments

Dúas asociacións da cidade de Lugo únense para visibilizar o seu labor e crear redes de colaboración, presentando un orixinal calendario confeccionado con fotografías dos usuarios de Alume e dos animais da Protectora, tomadas en lugares emblemáticos da cidade de Lugo. A presentación deste calendario solidario terá lugar o venres 22 de novembro ás 12:00 no salón de actos da Escola Ramon Falcón.

A asociación lucense de axuda a persoas con enfermidade mental, Alume, asegura que quere un Lugo no que caiban todos, no que haxa sitio para todas e todos, unha comunidade inclusiva, respectuosa coas diferenzas, crítica, sustentable e coñecedora do medio no que vive. A asociación comparte esta idea coa Sociedade Protectora de Animais e Plantas da cidade, polo que pensan que este calendario é un bo xeito de camiñar nesta dirección e crear redes, colaborar e traballar xuntos polo cambio social.

Con esta idea, os usuarios de Alume saíron á rúa varios días do pasado mes de outubro para darse a coñecer e para intentar mudar as cousas, porque defenden que a mellor maneira de loitar pola cidade que queren é a través da colaboración.

O Calendario Solidario 2014 de Alume e a Sociedade Protectora de Animais y Plantas de Lugo é unha colaboración a tres nestes tempos nos que facer rede é básico, xa que na súa elaboración tamén participou o alumnado de segundo ciclo de Fotografía da Escola de Arte Superior de Deseño Ramón Falcón.

Trátase dun calendario de sobremesa que conta, cada mes, cunha imaxe dos usuarios de Alume posando xunto a cans e gatos da Protectora en varias localizacións de Lugo. Se buscas un regalo de Nadal bonito, orixinal e ademais solidario, non dubides en poñerte en contacto con Alume para conseguir o teu exemplar!

calendarioalume.png