O Pavillón Campo da Serra de Narón foi, o pasado venres, escenario do VI Campionato de Tenis de Mesa pola saúde mental organizado pola asociación Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal, en colaboración con FEAFES Galicia. Tratouse dun encontro lúdico e deportivo no que participaron sete entidades de saúde mental procedentes de toda a comunidade autónoma.
Un total de 38 usuarios das asociacións Alume (Lugo), Alba (Pontevedra), Andaina (Dodro e Ordes), Doa (Cangas e Vigo), APEM (Cee e Vimianzo), FEAFES Santiago e Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal, trasladáronse ata Narón para gozar desta xornada. A eles sumáronse arredor de 40 acompañantes que disfrutaron do evento dende as gradas.
O torneo comezou ás 9:30 da mañá e foi arredor das 13:30 cando se proclamou campión o lucense Marcos Prado, pertencente á asociación Alume. O seu contrincante no partido final foi Manuel Otero, da asociación Doa de Vigo e Cangas, que acadou o segundo posto. Tras eles, outro lucense de Alume, Salustiano Rivera, acadou o terceiro posto mentres que Manuel Abril, tamén da asociación Doa, quedou cuarto.
Na entrega dos trofeos interviñeron Félix Pena, presidente de Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal; e Enrique Castro, Coordinador de Desenvolvemento Asociativo de FEAFES Galicia. A maiores dos trofeos que recibiron os campións, todos os asistentes foron agasallados cunha medalla para premiar a súa participación, e a continuación, celebrouse un xantar de convivencia.
O Campionato de Tenis de Mesa ten como obxectivo promover o deporte en igualdade, impulsar a actividade física entre as persoas con enfermidade mental e loitar contra o estigma social que sofre este colectivo. A través deste torneo, as asociacións de FEAFES Galicia amosan á sociedade a imaxe máis positiva das persoas con enfermidade mental, combatendo de modo activo os estereotipos negativos e os falsos prexuízos que se asocian a estas persoas.