Skip to main content
Novas

Alume nomeará socio de honra á empresa Limpiezas Novoa no Día Mundial da Saúde Mental

By 9 de Outubro de 2013Novembro 13th, 2022No Comments

alumeDMSM2013.jpg

Alume, a asociación lucense de axuda ás persoas con enfermidade mental, unirase a outras asociacións a nivel galego e estatal para celebrar, o vindeiro 10 de outubro, o Día Mundial da Saúde Mental. Como xa é tradición, e dado que esta data sempre coincide en pleno San Froilán, persoas usuarias, socias, persoal e familiares e amigos de Alume celebrarán a súa tradicional pulpada, que desta volta terá lugar na Parrillada Abel (Rúa Rafael de Vega, 18).

Como novidade deste ano, a Xunta Directiva de Alume acordou nomear socio de honra da asociación á empresa Limpiezas Novoa, S.L. pola súa colaboración continuada na inserción laboral de persoas con enfermidade mental, contribuindo á súa rehabilitación psíquica e á súa integración social.

Día Mundial da Saúde Mental: “Alternativas fronte a crise: o valor dos nosos dereitos”
Este é o lema escollido pola Federación de Asociacións (FEAFES), á que pertence Alume, para conmemorar o Día Mundial da Saúde Mental, data sinalada pola Organización Mundial da Saúde (OMS) para reivindicar os dereitos de todas as persoas con enfermidade mental, e denunciar o esquecemento do que habitualmente son obxecto por parte da comunidade.

As personas con trastorno mental e os seus familiares e amigos empregamos o Día Mundial da Saúde Mental para reclamar que os transtornos mentais se consideren como unha doenza máis, que precisa de tratamentos e apoios, pero que non debe impedir unha integración plena na sociedade das persoas que a presentan.

Acotío vemos que, malia os avances que se produciron nos últimos anos, persisten prexuízos moi arraigados que provocan a estigmatización e exclusión das persoas diagnosticadas cun trastorno mental. Por ese motivo queremos facer chegar este lema: “Alternativas fronte a crise: o valor dos nosos dereitos”, que tamén recolle a preocupación do movemento asociativo sobre como está a afectar a actual situación socioeconómica á saúde mental de todas as persoas, e moi especialmente a como está a afectar á atención en saúde mental. Así mesmo, tamén tentamos visibilizar a oposición do movemento asociativo a que se recorten os dereitos do colectivo que representamos.

Somos Alume
ALUME é unha asociación sen ánimo de lucro que foi fundada en 1995. Dous anos despois, abriu o Centro de Rehabilitación Psicosocial e Laboral (CRPL) de Lugo; e no ano 2005, o de Guitiriz. Entrambos centros atenden, acotío, a unhas 80 persoas usuarias. Desde o CRPL de Lugo organízanse outros servizos, como o de atención domiciliaria, e préstase apoio aos catro pisos protexidos que a asociación ten na cidade. Todos estes servizos mantéñense mediante convenio coa Consellaría de Sanidade da Xunta de Galicia, e contan con apoio económico de outras entidades públicas e privadas.