Como xa é tradición, a asociación lucense acudiu a semana pasada á carreira solidaria organizada polo Colexio Cervantes e a súa ANPA. Un total de trinta persoas da entidade, entre elas 24 usuarios do centro e 6 familiares e traballadores, participaron na carreira “Lóstregos Penarubia” para persoas con diversidade funcional, que este ano cumpre a súa terceira edición e en cuxa organización tamén participa o Club Montepenarubia Lugo.
Trátase dunha proba que vai crecendo ano a ano, alcanzando nesta ocasión 75 participantes das entidades Alume, Cogami, Aspnais, San Vicente de Paul, FEAFES e Santa Marina. De todos eles, Alume fíxose co podio: Anxo logrou o primeiro posto, Marcos, campión da edición anterior, alzouse co segundo premio e Carlos conseguiu o bronce. Sandra, ademais, foi a primeira en chegar á meta das mulleres participantes.
A entrega de premios correu da man do Concelleiro de Deportes, Miguel Fernández, e a Concelleira de Servizos Sociais, Ana Abelleira. Cabe destacar, ademais, que os trofeos entregados foron realizados no taller de cerámica de Alume, participando na súa elaboración dous dos gañadores. A carreira estivo presentada polo profesor e adestrador de atletismo Felipe Barata, e contou tamén coa presenza da alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e outras autoridades municipais.
Ademais de participar na carreira “Lóstregos Penarubia”, outros usuarios de Alume correron na carreira xeral, na cal, de entre os 300 participantes que había, lograron chegar entre os 40 primeiros, demostrando así a calidade dos deportistas da asociación.
A maiores das carreiras, Alume tamén contou cunha caseta na que expuxo o traballo realizado nos seus talleres artesanais, xunto a Cogami, Unidos contra o Cancro e a Sociedade Protectora de Animais e Plantas. Desde a asociación queren agradecer ao Club Montepenarubia Lugo e ao Colexio Cervantes por contar sempre con eles para este evento.