Skip to main content
En Galicia, o Nadal non comeza ata que non arranca o Mercado da Estrela, un encontro de referencia do talento galego avalado por oito edicións celebradas en cinco cidades distintas dende o seu nacemento en 2012. O mercado conta con miles de visitantes en cada unha das súas edicións, así como centos de creadores e emprendedores participantes que se deron cita, desta vez, o 12 e 13 de decembro en Compostela.
Entre os participantes deste ano estiveron as asociacións de saúde mental Andaina e Fonte da Virxe, que presentaron os traballos artesanais que realizan os seus usuarios nos seus centros. O encontro tivo lugar no Claustro do Museo do Pobo Galego dende as 11 da mañá.
Algúns dos produtos que se puideron disfrutar nos stands desta feira foron mobles e obxectos de cociña e decoración, deseño, serigrafía e produtos ilustrados, moda, xoiería e complementos, delicadas pezas realizadas a partir de madeira, cerámica, papel e materiais reciclados, jeans, roupa infantil e xoguetes ecolóxicos, xabóns, licores, embutidos e mermeladas artesanais, e centos de produtos con encanto cos que mostrar o apoio ao entusiasmo, talento, enerxía e produción local.
Coma sempre, a entrada e a participación en todas as actividades do Mercado da Estrela foi de balde e contou cunha zona solidaria, talleres creativos, zona infantil e obradoiros de horta urbana, entre outras cousas.