Andaina Pro Saúde Mental é unha asociación sen ánimo de lucro que naceu no ano 2010 para cubrir o baleiro existente na atención global ás persoas con trastorno mental e as súas familias na zona da área sanitaria de Compostela, centrándose especialmente no ámbito rural das comarcas Ulla-Sar e Ordes.
Consciente das dificultades que supón esta tarefa, Andaina está formada por afectadas/os e familiares, así como por un grupo de profesionais: traballadora social, psicóloga/o, educadora, médicas con experiencia no campo da enfermidade mental e que forman parte dun programa de voluntariado.
Para contribuír a manter as actividades e servizos que a asociación leva desenvolvendo nos últimos catro anos, Anadaina organiza un partido benéfico que se desenvolverá como un campionato triangular de fútbol no que se enfrontarán os equipos C.D. Dodro, C.D. Unión e Mazaricos F.C.
O evento terá lugar o sábado 23 de agosto ás 17:30 no campo de fútbol de Chenlo en Dodro. Con tan só 1€ de entrada, os asistentes poderán disfrutar das emocións deste campionato e terán a oportunidade de participar en sorteos de vales doados por comerciantes da comarca.
A recadación obtida a través deste partido destinarase ó financiamento das actividades e servizos que desenvolve a asociación a favor das persoas con enfermidade mental e dos seus familiares. Ademais de contar coa presenza das autoridades da comarca, Andaina agarda que sexa moita a xente que decida poñer o seu graíño de area nesta causa solidaria.
Achégate e participa, porque en Andaina EXISTIMOS!