Skip to main content
Os III Premios Redacción Médica á Sanidade de Galicia reuniron o xoves 28 de setembro en Santiago de Compostela a numerosos representantes de todos os sectores da sanidade rexional. A cerimonia de entrega destes galardóns, concedidos por Sanitaria 2000 en colaboración con Oximesa e Roche, tivo lugar no Hotel Porta do Camiño da capital galega, e estivo presidida polo conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña.
O titular de Sanidade comezou por agradecer a todos os profesionais que un ano máis asistisen a unha cita que reúne ao sector. “Actos como este contribúen á mellora do sistema sanitario”, comentou. Así mesmo, Vázquez Almuíña destacou que así tiña a oportunidade de “agradecer a humanidade dos que integran o sistema de sanitario de Galicia”.
A continuación, o conselleiro trazou unha breve descrición de todos os premiados e candidatos, destacando valores comúns de todos eles: “O papel que xogan na innovación e a eficiencia da sanidade de Galicia”.
Os galardóns estiveron divididos en 12 categorías e foron entregados por importantes personalidades da sanidade galega. Así, na categoría de mellor xerencia integrada foi distinguida a EOXI de Vigo; en administración sanitaria o Plan de Asistencia ao Ictus en Galicia; como mellor médico, galardoouse a Luz Couce; en sociedade científica á Sociedade Galega de Cardioloxía; na categoría de mellor centro sanitario privado resultou premiado o Hospital Quirónsalud A Coruña, como campaña ou acción sanitaria o Programa Galego de Detección Precoz do Cancro Colorrectal; e na categoría de mellor achega tecnolóxica galardoouse á plataforma É-Saúde. 
Como mellor asociación de pacientes, o xurado galardoou á Asociación Andaina Pro Saúde Mental. O premio foi entregado por Margarita Prado Vaamonde, directora de Recursos Humanos do Sergas, e recolleuno Omaira Tuirán, presidenta de asociación Andiana. Na fotografía, acompáñanas Nazaré da Vila, coordinadora de Andaina; Sandra María Fernández Román e Lorena Francisco Lens, psicólogas da asociación.