Skip to main content
Coa financiación da Consellería de Sanidade e o Servizo Galego de Saúde, a asociación Andaina está a levar a cabo un programa integral para a mellora na detección e intervención en risco de suicidio nas comarcas rurais de Ordes e Ulla-Sar. Entre as liñas de actuación deste programa, atópanse o desenvolvemento de accións de información e sensibilización social sobre a prevención da conduta suicida, así como a formación a profesionais do ámbito sociosanitario.
Neste senso, coa fin de achegarse á cidadanía xeral, Andaina está a colocar mesas informativas onde facilita coñecementos e recursos para unha mellor abordaxe da conduta suicida a través de material informativo e de difusión. As mesas ubícanse en servizos sociais e centros de saúde dos concellos de actuación, tendo asistido xa ao Centro de Información á Muller, o Centro de Saúde e a Unidade de Saúde Mental do Concello de Ordes; ao Centro de Saúde do Concello de Oroso ou aos Servizos Sociais do Concello de Rois. 
No mes de decembro, as mesas informativas estarán no Centro de Saúde de Cerceda o día 1; en Servizos Sociais de Pontecesures o día 2; en Servizos Sociais e Centro de Saúde de Rianxo o día 15; e en Servizos Sociais e Centro de Saúde de Padrón o día 21; sempre en horario de mañá. A entidade ten previstas máis accións desta índole, incluídas charlas informativas dirixidas á poboación xeral, das que se fará difusión a través de redes sociais, entidades colaboradoras e anuncios na contorna.
Respecto ás accións de formación a profesionais do ámbito sociosanitario, a asociación xa impartiu formación a profesionais sociosanitarios de Ordes, Rianxo e Rois os días 18, 19 e 24 de novembro respectivamente. O persoal técnico de servizos sociais dos concellos pontevedreses de Valga e Pontecesures recibirán esta formación o vindeiro 15 de decembro, coa que se pretende achegar a realidade do suicidio aos profesionais que traballan con poboación vulnerable, aportando información relevante para unha mellor abordaxe.
Por outra banda, Andaina tamén se dirixe aos futuros profesionais do eido do social, achegando esta formación ao alumnado universitario coa fin de mellorar o seu coñecemento sobre a conduta suicida. Os obxectivos son reflexionar acerca dos mitos e o estigma asociados ao suicidio, dar a coñecer os factores de risco e de protección, e proporcionar información sobre os recursos existentes ante posibles situacións de risco. Deste xeito, o 22 de outubro, a entidade impartiu esta formación ao estudantado do Grao en Traballo Social da Universidade de Vigo en Ourense, e para o 14 de decembro está prevista unha formación destinada ao alumnado do Grao en Educación Social da Universidade da Coruña. 
A asociación Andaina, en concordancia con diversos estudos sobre prevención do suicidio, considera prioritaria a formación deste tipo de profesionais, xa que, sendo os máis próximos e accesibles á poboación e os que se sitúan na primeira liña de intervención coas persoas, poden actuar como facilitadores comunitarios na detección do risco de suicidio. 
Por outra banda, as organizacións do ámbito da saúde mental coinciden en que, entre as medidas máis efectivas na prevención do suicidio, atópanse os programas de concienciación, educación e formación á cidadanía xeral. En efecto, o suicidio é unha problemática de carácter social e sanitario que se pode e debe previr mediante intervencións orientadas a diferentes ámbitos da sociedade, como está a facer a asociación Andaina.