Skip to main content
A Confederación SALUD MENTAL ESPAÑA sumouse á campaña “Empresa solidaria, empresa eXtraordinaria”, coordinada pola Plataforma de ONG de Acción Social xunto á Plataforma do Terceiro Sector, cuxo obxectivo é lograr a implicación do tecido empresarial no desenvolvemento de proxectos sociais e solidarios.
Saúde Mental FEAFES Galicia, na liña da Confederación, apela ás empresas a que na presentación do Imposto de Sociedades, cuxo prazo comezou o 1 de xullo, marquen a casiña destinada a fins sociais, permitindo así destinar o 0,7% da cota íntegra deste imposto a actividades sociais.
Por primeira vez, as empresas contan cun mecanismo estatal para colaborar coas bolsas de subvencións destinadas a programas de sustentabilidade, internacionalización, investigación, innovación e mellora en entidades do Terceiro Sector.
Nel Anxelu González Zapico, presidente da Confederación SALUD MENTAL ESPAÑA, celebrou esta iniciativa, da que espera “unha boa resposta por parte do sector privado e, con iso, unha potenciación das alianzas e as colaboracións entre os dous sectores, en beneficio de toda a sociedade”. 
“Pola nosa banda, en SALUD MENTAL ESPAÑA seguiremos traballando con entusiasmo e vontade para que tanto as persoas con trastorno mental como as súas familias e persoas achegadas teñan a oportunidade de gozar dunha vida plena”, concluíu González Zapico. 
A campaña “Empresa solidaria, empresa eXtraordinaria” conta co respaldo doutras organizacións como a Plataforma do Voluntariado de España, a Rede de Loita contra a Pobreza e a Exclusión Social no Estado Español (EAPN), o Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade (CERMI), a Plataforma de Infancia e a Coordinadora de ONG para o Desenvolvemento-España.