Skip to main content
Este verán, os usuarios de Apem Cee e Vimianzo foron partícipes do Proxecto Gavea (Galicia Vela Adaptada) impulsado pola Confederación Galega de Persoas con Discapacidade, COGAMI. Este proxecto consiste nunha escola de vela que ten como finalidade achegar os deportes náuticos ás persoas con discapacidade.
Nesta ocasión, os mozos e mozas de Apem pasaron un día do máis divertido navegando pola ría de Camariñas e gozando das vistas da zona. Ademais, aproveitaron a xornada para visitar o Cabo Vilán e comer na Praia de Ariño, destacando que a experiencia foi moi positiva e que lles gustaría repetir en futuras ocasións.
O Proxecto Gavea, que conta co patrocinio da Fundación Deporte Galego, naceu orixinalmente co obxectivo de derrubar as barreiras que impiden o uso do medio mariño ás persoas que teñen algún tipo de discapacidade física. Desde a súa posta en marcha no 2002, este servizo prestou atención a máis de 1.900 persoas grazas ao veleiro Laion, embarcación de 13 metros de eslora e con capacidade para 10 persoas, que foi cedido pola Audiencia Nacional, para cumprir unha función integradora a través do deporte.