As nosas asociacións prestan apoio e acompañamento a 200 familiares de persoas con problemas de saúde mental no programa de Apoio e Soporte integral.
Desde Saúde Mental FEAFES Galicia e as nosas entidades asociadas somos conscientes de que unha gran parte dos coidados que precisa unha persoa con problemas de saúde mental recae na familia e nas persoas achegadas. Considerámolas un importante axente de recuperación. Por tanto, precisan dispoñer da información e ferramentas necesarias para xestionar esa situación, así como sentirse apoiadas.
Por todo isto, comezamos co proxecto Apoio e soporte integral para familias. Este programa é unha iniciativa de interese xeral para fins de carácter social a cargo da asignación tributaria do 0,7% do IRPF da Xunta de Galicia a través da Consellería de Política Social e Igualdade.
Actualmente, o programa Apoio e soporte integral é levado a cabo polas asociacións A Creba, Alba, Alume, Andaina, APEM, Avelaíña, DOA, Fonte da Virxe, Lenda e Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal.
Fortalecemos os vínculos familiares para unha mellor calidade de vida
A través desta iniciativa, traballamos con 200 familiares e persoas achegadas a persoas con problemas de saúde mental. O obxectivo é dotalas de ferramentas e redes de apoio que contribúan a mellorar a súa calidade de vida e fortalecer os vínculos familiares.
O programa busca mellorar as habilidades e competencias das familias e persoas achegadas para facer fronte ás situacións difíciles dentro da convivencia diaria. No marco do programa, analizamos as necesidades específicas de cada persoa usuaria e marcamos un itinerario de intervención adecuado a esas necesidades. Para iso, establecemos unha coordinación coa familia, as persoas achegadas e os equipos profesionais e recursos dispoñibles na súa contorna.
Esta iniciativa representa un apoio fundamental para as familias que sustentan un dos principais piares de atención e coidado das persoas con problemas de saúde mental.
—
O programa Atención e apoio integral é posible grazas á xente que marcou a opción de “Fins sociais” na súa declaración da renda. Isto permite destinar un 0,7% dos seus impostos a realizar programas de organización de acción social.