Durante a pasada semana, persoas usuarias de Saúde Mental FEAFES Galicia participaron nunha serie de obradoiros onde aprenderon a utilizar diversos servizos telemáticos de emprego, ferramentas de especial utilidade nun contexto como o actual onde as xestións non presenciais adquiren cada vez máis relevancia.
O obxectivo destes talleres, que se realizaron o 16 de novembro en A Coruña e o 18 de novembro en Santiago e en Lugo, é que as persoas demandantes de emprego que están inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia coñezan unha serie de servizos e xestións telemáticas que poidan realizar dende as súas casas.
Algunhas desas xestións poden ser renovar a demanda de emprego, informarse e inscribirse en cursos ou en ofertas de traballo, descargar o DARDE (documento de alta e renovación de demanda de emprego), solicitar ou anular unha cita na Oficina de Emprego, descargar informes, etc. Tamén aprenderon a consultar a prestación do SEPE e a descargar o seu informe de vida laboral a través da Sede Electrónica da Seguridade Social.
Estas accións grupais están enmarcadas dentro das actividades de Información, Orientación e Asesoramento para a Busca de Emprego (IOBE), financiadas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria a través do Servizo Público de Emprego de Galicia (SPEG), e desenvolveranse ao longo dos próximos días nas demais delegacións da entidade.
Este tipo de formación pretende promover nas persoas participantes unha actitude adecuada para implicarse activamente no proceso de procura de emprego, así como dotalas das principais ferramentas e recursos orientadas a iso. Preténdese que sexan capaces de utilizar as ferramentas de busca de emprego, manexar os recursos e xestionar a información como parte do seu proceso de inclusión sociolaboral.