Skip to main content
Nestas datas, Cibervoluntarios está a realizar, en colaboración con FEAFES Galicia, unha serie de actividades de formación en competencias dixitais básicas. Trátase de dous talleres sobre o uso do Smartphone e sobre Seguridade Dixital para persoas con problemas de saúde mental en Lugo e Vigo. 
Concretamente, o venres 26 de maio de 10:00 a 14:00 tivo lugar o curso uso do Smartphone para persoas con problemas de saúde mental nas instalacións de FEAFES Lugo (Rolda de Fingoi, 109 Baixo), impartido pola cibervoluntaria Paula Xesto. O obxectivo deste curso, de 4 horas de duración, é promover o uso responsable do teléfono intelixente (Smartphone) e descubrir as súas utilidades, aplicacións e beneficios de maneira fácil e intuitiva, evitando a exclusión sociodixital.
Pola súa banda, o martes 30 de maio de 17:00 a 19:00 impartirase a charla sobre seguridade dixital na aula CeMIT Vigo (Rúa O Porto, 1), cedida grazas á colaboración do Concello de Vigo e a Concellería de Parques, Xardíns, Comercio, Participación Cidadá e Distritos. O docente desta actividade será Carlos Otero, que durante 2 horas promoverá un uso seguro das novas tecnoloxías, evitando situacións de risco na rede Internet e valorando a privacidade e protección da identidade dixital.
A Fundación Cibervoluntarios é unha entidade sen ánimo de lucro composta por emprendedores sociais que promove o uso e coñecemento das novas tecnoloxías como medio para paliar brechas sociais, xerar innovación social e propiciar o empoderamento cidadán. Esta organización traballa para aumentar os dereitos, oportunidades e capacidades que ten cada persoa dentro da súa contorna grazas ao uso social das ferramentas tecnolóxicas que están ao seu alcance. Ademais destes dous cursos, Cibervoluntarios realizará máis adiante outras accións formativas en colaboración con FEAFES Galicia noutras localidades galegas.