Skip to main content
O 28 de abril, un total de 30 monitores de ocio de FEAFES Galicia participaron nunha xornada formativa sobre cuestións legais que afectan ás actividades de tempo libre. Neste encontro estiveron presentes as asociacións A Mariña, Alume, Andaina, A Creba, Morea, Portanova, Doa, Avelaíña, Albores, Fonte da Virxe e APEM, ademais das cinco delegacións de FEAFES Galicia.
Impartida polos asesores xurídicos da Federación, Rodrigo Blanco e Iván Sanmartín, nesta xornada abordouse o marco normativo que afecta ás actividades de ocio e tempo libre. Falouse da tipoloxía de acompañantes e usuarios que participan nestas actividades, así como da responsabilidade civil, penal e profesional que teñen. Ademais, dedicouse un epígrafe á responsabilidade nos desprazamentos tanto para os condutores como para outros ocupantes e terceiras persoas.
A formación tivo lugar de 10h a 13h na Casa das Asociacións de Benestar Social de Santiago de Compostela e xurdiu a raíz dunha proposta dos propios monitores.  Na reunión de técnicos de ocio de FEAFES Galicia mantida a principios de ano, estes amosaron a súa inquedanza por saber máis sobre estes temas, polo que o Servizo de Ocio e Deportes organizou, en colaboración co Servizo de Asesoría Xurídica, esta acción formativa.

Ocio e saúde mental

As actividades para o disfrute do tempo libre organizadas por FEAFES Galicia e as súas asociacións permiten mellorar a calidade de vida das persoas con enfermidade mental e das súas familias. Os participantes rompen coa rutina diaria, realizan actividade física formulada dende unha perspectiva lúdica, enriquécense culturalmente, socializan e intégranse na sociedade. Á súa vez, permiten un respiro aos familiares na súa tarefa de coidadores.
Ao longo do ano, o Servizo de Ocio e Deportes organiza estancias nunha casa vacacional, viaxes, actividades culturais e programas deportivos. Ademais, FEAFES Galicia e as súas asociacións contan con grupos de ocio que realizan actividades lúdicas en distintas localidades galegas.