Coa fin de mellorar constantemente a súa capacitación profesional e ofrecer unha atención o máis axeitada posible ás persoas con problemas de saúde mental e ás súas familias, os técnicos de Saúde Mental FEAFES Galicia asistiron, o pasado venres 21 de febreiro, a unha formación interna sobre cuestións legais e xurídicas relacionadas coa saúde mental.
Impartida polos asesores xurídicos da entidade, e co apoio da Consellería de Sanidade dentro do convenio para o Programa de Capacitación e Atención Precoz a Familiares e Coidadores en Primeiros Episodios de Enfermidade Mental Grave e Persistente, á sesión acudiron 18 profesionais das distintas delegacións de Saúde Mental FEAFES Galicia.
Ao longo das 4 horas que durou o encontro, abordáronse temas como o procedemento, dereitos e repercusións que teñen as incapacitacións para as persoas con problemas de saúde mental e os seus familiares, tanto no caso da tutela como da curatela. Falouse tamén dos internamentos involuntarios, incidindo nos procedementos e dereitos vinculados a eles, e das pensións por incapacidade permanente, por viuvez, orfandade, invalidez ou prestacións por fillos a cargo.
Tamén houbo un espazo para falar de baixas laborais, dos requisitos para solicitar un avogado de oficio, dos procedementos de estranxeiría, e outras cuestións tales como débedas, préstamos, multas, estafas e reclamacións.
Esta xornada formativa, que foi proposta polos propios profesionais que participaron nela, permitiu ampliar os seus coñecementos no ámbito xurídico e legal coa fin de poder orientar, dun xeito preciso e eficaz, ás persoas usuarias da nosa entidade que precisen levar a cabo tramitacións, procedementos e requisitos administrativos e legais coa fin de que poidan exercer os seus dereitos neste eido.
