Skip to main content
O pasado mércores 5 de abril celebrouse o “II Seminario de inclusión dixital e novas tecnoloxías para a acción social”, organizado e impartido polos profesionais do Grupo de Comunicación de EAPN Galicia, entre os que se atopa a responsable de Comunicación de FEAFES Galicia, Ana Escrigas. Esta acción formativa tivo lugar no Centro Demostrador de Tic de Galicia (CDTIC), en Santiago de Compostela, ao longo de toda a xornada.
A actividade estivo dirixida a persoal técnico ou voluntario das asociacións membro da rede que quixesen impulsar a área de comunicación aínda que non contasen con coñecementos específicos neste campo. Entre os asistentes estiveron 12 profesionais de 5 asociacións de FEAFES Galicia (Saúde Mental Ferrol Eume e Ortegal, Doa, Fonte da Virxe, A Creba e Alume), que mostraron o seu interese por estes temas.
O curso comezou cunha exposición e debate sobre a linguaxe inclusiva, no cal se ofreceron pautas para unha comunicación axeitada, presentando o Código de Conduta en Comunicación contra a Pobreza de EAPN Galicia como documento a ter en conta neste sentido.
A continuación abordáronse pautas e consellos para unha boa comunicación escrita, indicando como elaborar notas de prensa, cartas ou emails de forma correcta. Igualmente, púxose o acento na importancia da imaxe corporativa como xeito de crear identidade e chegar a máis xente.
Doutra banda, nunha sociedade cada vez máis dixitalizada, a xestión de redes sociais foi un dos eixos fundamentais do curso, profundando especialmente nas páxinas Facebook e Twitter. E para ofrecer ferramentas de mellora da operatividade e o fomento da creatividade, realizouse tamén unha breve introdución a algúns programas e aplicacións para a comunicación.